A vicepresidenta da Deputación de Lugo en funcións Maite Ferreiro -que no vindeiro mandato se dedicará exclusivamente á súa labor de concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua no Concello de Lugo– aproveitou a súa intervención para despedirse da corporación provincial e agradecer o traballo do persoal da institución nos últimos catro anos.
Ademais de desenvolver unha ampla e diversa actividade cultural en colaboración con concellos e asociacións, Maite Ferreiro impulsou a recuperación para o patrimonio público da Torre de Caldaloba coa adquisición da metade da parcela na que se ubica a construción e os fosos defensivos e promoveu a incorporación ao Museo de Lugo do sestercio da caetra, unha moeda BIC de gran valor simbólico para Lugo por ser cuñada no campamento militar que deu orixe á cidade.
A Vicepresidencia da Deputación desenvolveu tamén un papel clave na consolidación do Plan Único da Deputación de Lugo como ferramenta de financiación dos concellos da provincia.
O vindeiro venres 30 de xuño ás 12.00 horas celebrarase o pleno de constitución da corporación provincial para o vindeiro mandato.