“Estabilidade, rigor, transparencia, xestión e política de feitos” son os valores que guiarán o segundo mandato do Presidente da institución, que tomou posesión hoxe nun acto que encheu o Salón de Plenos do Pazo de San Marcos
Tras un primeiro mandato no que “recuperamos a estabilidade da institución, afrontamos retos inimaxinables naquel momento como a pandemia dándolle asistencia ós concellos e despregamos un ritmo de xestión e execución constante e moi elevado, cunha media do 85% de execución do Orzamento de gasto, o meu compromiso de cara o futuro é facelo aínda mellor”, subliñou o Presidente.
“Estabilidade, rigor, transparencia, xestión e política de feitos” son os valores que guiarán o segundo mandato de José Tomé Roca á fronte da institución, no que, asegurou, “volcaremos todos os recursos posibles para sacar adiante conxuntamente cos concellos medidas e proxectos que acerquen os servizos públicos á xente e que contribúan a manter e crear emprego, a única fórmula que nos permitirá afrontar con eficacia o reto demográfico, o maior problema que temos na actualidade”.
As administracións locais, Deputación e concellos, son “eficaces para reter o talento, aproveitar as oportunidades e desenvolver as ideas que hai no rural, pero non podemos traballar soas. As administracións locais non podemos seguir sendo os parentes pobres que se sentan nunha esquina da mesa común. O futuro tense que construír sobre concellos fortes, con suficiencia orzamentaria para garantir o acceso ós servizos públicos para todos os veciños, e medios para levar adiante proxectos de transformación social e de creación de emprego. Por iso, reivindicaremos o municipalismo e levaremos as súas reclamacións ante a Xunta de Galicia, o Goberno do Estado e as institucións europeas”, asegurou o mandatario provincial no seu discurso de investidura.
DISCURSO DE JOSÉ TOMÉ ROCA NA TOMA DE POSESIÓN COMO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO:
Bos días a todos e todas, e moitas gracias por acompañarnos neste acto de Constitución da Deputación Provincial de Lugo.
É para min unha honra recibir por segunda vez este bastón de mando, que simboliza a Presidencia desta institución, desta Casa común de todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo, que eu bauticei como o Concello dos Concellos.
Para todos os veciños e veciñas traballamos, a todos eles servimos e ante eles temos a obriga de explicarnos. Porque a política consiste precisamente niso: en xestionar o público e en render contas. Un bo resultado electoral revalida a confianza depositada en nós, pero non nos exime do deber de examinar o feito.
Por iso, comparezo hoxe ante vostedes con sentimentos de alegría, de agradecemento e de compromiso, de firme compromiso cos veciños e veciñas da provincia de Lugo.
Alegría e agradecemento porque os votantes falaron o pasado 28 de maio e fixérono con claridade. Revalidaron a aposta por un Goberno de progreso para a Deputación provincial, aprobando o traballo feito e dando un novo voto de confianza para seguir traballando nese camiño outros catro anos máis.
Así que, gracias ós lucenses, e gracias ós Deputados e Deputadas do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego por elixirme cos seus votos como Presidente da Deputación Provincial de Lugo.
Moitas gracias tamén ós compañeiros e compañeiras que me propuxeron, e ós órganos do Partido Socialista que confiaron de novo na miña persoa para este labor tan importante.
Este agradecemento leva implícita a súa propia dose de compromiso e, por suposto, de responsabilidade. Os que me coñecen saben que me gusta ser moi institucional, e iso non vai cambiar.
Os veciños e veciñas renovaron a confianza en nós, non porque pensen que acertamos en todo, senón porque esperan que o fagamos aínda mellor. E ese é o meu compromiso de cara ó futuro: facelo aínda mellor.
Encarei o meu primeiro mandato no ano 2019 co firme propósito de normalizar a vida institucional da Deputación. E, entre todos e todas, conseguímolo practicamente dende o primeiro día, devolvendo a estabilidade a esta institución.
Fixémolo nun mandato complexo, no que afrontamos retos literalmente inimaxinables naquel momento, como os provocados pola pandemia da Covid-19, entre outros.
Foron retos ós que tentamos dar resposta do mellor xeito posible, sempre en colaboración leal co conxunto das administracións do Estado e centrados en dar asistencia ós concellos.
E todo iso, cun ritmo de xestión e de execución constante e moi elevado, aplicando, como a min me gusta dicir, unha política de feitos, traballando sempre para cumprir os compromisos adquiridos.
Nestes catros anos alcanzamos unha media de execución dos Orzamentos do 85% do gasto, un nivel que nos sitúa á cabeza das administracións locais en España e nunca vista antes nesta institución.
Estabilidade, rigor, transparencia, xestión e política de feitos. Estes son os valores que guiarán este segundo mandato no que teño a honra de presidir a Deputación Provincial de Lugo.
Un mandato no que daremos un novo impulso ó proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia, consolidando para elo a cooperación cos concellos como elemento vertebrador de todas as nosas políticas.
A Deputación é o Concello dos Concellos. Esta é a miña máxima. Por iso, traballaremos cada día para que esta institución sexa o máis útil posible a cada un dos 67 concellos de Lugo, porque esta é a mellor maneira de ser útiles ós 323.989 veciños e veciñas da nosa provincia, e asegúrolles que os datos demostran que somos útiles.
Desenvolveremos unha cooperación aberta e leal cos concellos, volcando todos os recursos posibles –económicos, materiais e humanos– para sacar adiante conxuntamente medidas e proxectos que acerquen os servizos públicos á xente e que contribúan a manter e crear emprego, sobre todo no rural, do que moitos falan, pero na práctica, somos poucos os que facemos algo.
Máis e mellores servizos públicos e máis e mellor emprego. Podemos darlle as voltas que queiramos, pero esta é a única fórmula que nos permitirá afrontar con eficacia o despoboamento, o reto demográfico, sen dúbida, o maior problema que temos na actualidade, non só na nosa provincia, senón en moitas provincias do resto do Estado.
En concreto, hai 27 capitais de provincia que perden poboación, máis da metade das capitais de provincia de España.
Servizos públicos e emprego para que os nosos mozos e mozas se queden na nosa terra, para que poidan facer aquí o seu proxecto de vida e para que os nosos maiores non teñan que marchar para recibir os coidados e a atención que precisan.
Sempre digo que o rural non está baleiro. O rural está cheo de talento, de oportunidades e de ideas. Vémolo cada día nos nosos concellos. E, dende logo, as Administracións Locais somos administracións eficaces para axudar a reter todo ese talento, aproveitar esas oportunidades e desenvolver esas ideas, pero non podemos traballar sós.
As Administracións Locais non podemos seguir sendo os parentes pobres que se sentan nunha esquina da mesa común. O futuro tense que construír sobre concellos fortes, con suficiencia orzamentaria para garantir o acceso ós servizos públicos para todos os veciños, e medios para levar adiante proxectos de transformación social e de creación de emprego.
Non dubido de que sexa necesario revisar o financiamento autonómico, pero teño claro que é moi necesario mellorar o financiamento local.
Os concellos precisamos medios materiais e humanos axeitados ás demandas do século XXI. A Administración autonómica non pode seguir facendo deixadez das súas competencias en sanidade, en educación ou en servizos sociais, porque non hai rural vivo sen escolas, sen mestres, sen centros de saúde, sen centros de atención a maiores, e sen persoal sociosanitario que os atenda.
Así mesmo, o Estado debe garantir unha maior participación da administración local nos recursos e nos grandes proxectos de país, cunha maior aportación de fondos transferidos de xeito directo ás facendas locais.
Por iso, o noso compromiso de cara ós catro anos que temos por diante pasa por consolidar a cooperación da Deputación cos concellos, pero tamén por reivindicar o municipalismo e por levar as súas reclamacións ante a Xunta de Galicia, ante o Goberno do Estado e ante as institucións europeas.
Non temos outro interese que o interese dos veciños e veciñas da provincia de Lugo; non temos outro proxecto que impulsar o futuro desta provincia.
Reivindicaremos as nosas necesidades en Santiago, en Madrid ou en Bruxelas, con independencia da cor política do goberno de turno. Porque a provincia de Lugo ten voz propia, e a Deputación é a canle que transmite esa voz cara o exterior.
Por suposto, xunto coa cooperación cos Concellos, traballaremos da man da Universidade, do amplo e rico tecido asociativo co que temos a sorte de contar e cos sectores produtivos para seguir promovendo o futuro da nosa provincia, aproveitando o seu coñecemento e potencialidades.
Quero rematar cun agradecemento ó meu Equipo de Goberno. Un agradecemento para os compañeiros e compañeiras que compartiron a responsabilidade de goberno os pasados catro anos, e para os que o van facer de agora en adiante. A política é un traballo de equipo no que os bos resultados se asentan na complicidade, na lealdade e na capacidade para traballar xuntos.
Desde logo, nunca me atrevería a dicir que son o mellor Presidente da Deputación, pero podo dicir sen equivocarme que tiven o mellor equipo estes catro anos, e estou convencido de telo de novo na etapa que agora comezamos.
Quero recoñecer tamén o traballo dos deputados e deputadas provinciais da oposición. A democracia é un contraste continuado de opinións, no que as discrepancias xiran en torno ó que cada un considera como mellor para o ben común. Dende as diferencias ideolóxicas, creo que foron catro anos nos que o bo tono e mesmo a cordialidade foron a nota dominante nos plenos e na institución, e espero que o siga sendo no futuro.
Gustaríame ademais poñer en valor o compromiso, a profesionalidade e o traballo dos traballadores e traballadoras públicos desta Casa, que tiven a oportunidade de comprobar nestes catro anos e que seguro continuaremos mellorando no mandato que bota andar agora.
As miñas derradeiras palabras son para a miña familia. Porque os que temos a vocación de dedicarnos á xestión do común, do que é de todos, facémolo a costa de non atender tan ben o máis noso, a quen temos máis cerca.
A política é unha ocupación absorbente, que demanda moito tempo, moita dedicación, na que faltas da túa casa para atender á casa de todos.
Penso que moitos de nós entramos en política co desexo de que os nosos pais e nais se sintan orgullosos; co desexo de deixar as cousas un pouco mellor para os nosos fillos e netos; e apelando á infinita indulxencia das nosas familias polas moitas horas nas que estamos ausentes. Eu teño a inmensa sorte de contar co respaldo dos meus, que son, ó final, a razón e a guía do meu traballo. Por iso, moitas gracias.
Como fixen sempre na miña vida política, profesional e persoal, comprométome hoxe con todos e todas vostedes, e con todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo, a dar o mellor de min nestes próximos catro anos como Presidente da Deputación, con acertos e con erros, pero sempre, sempre, con lealdade, con traballo e con total dedicación, para contribuír a que a nosa provincia siga avanzando e prosperando.
Saúde e moitas gracias.