A subdelegada, acompañada da alcaldesa de Burela, visitou un dos establecementos da provincia adheridos ao programa estatal
A subdelegada, acompañada da alcaldesa de Burela, Carmela López, visitaron esta mañá a librería Atril, un dos establecementos adheridos ao Bono Cultural Xove na provincia de Lugo, para coñecer da man do xerente, Javier Chao, como está a funcionar esta iniciativa, ao tempo que intercambiaron impresións das vantaxes que ofrece o programa como que aquelas empresas que xa forman parte do Bono Cultural Xove poden seguir ofrecendo os seus servizos ou produtos sen necesidade de realizar trámite algún.
“O prazo para inscribirse aínda está aberto polo que convido a todo o tecido cultural da provincia, tanto público como privado, a sumarse ao programa, desde teatros, festivais e salas de cine, pasando por museos, librarías ou tendas de música”, engadiu Isabel Rodríguez que recalcou que “é unha axuda para apoiar a emancipación dos nosos mozos á vez que se impulsa unha industria tan importante como a cultural, dinamizando comercio de proximidade da nosa provincia”.
O Bono Cultural Xove funciona exclusivamente naquelas empresas, comercios e entidades culturais que previamente solicitasen a súa adhesión ao programa. Na provincia de Lugo hai máis dunha vintena de establecementos adheridos, entre eles distintas librarías, tendas de produtos dixitais e online, especializadas en música e videoxogos. Neste senso, todas as entidades interesadas en vender os seus produtos e servizos aos portadores desta tarxeta poden tramitar a súa adhesión ao programa a través da web.
Válido durante 1 ano
Por segundo ano consecutivo, o bono é válido durante os 12 meses seguintes á súa concesión. Cada persoa beneficiaria poderá destinar ata 200 euros a artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais; un máximo de 100 euros a bens culturais en soporte físico e outros 100 euros ao consumo dixital ou en liña nas entidades adheridas ao programa.
O Goberno impulsa esta iniciativa que pretende fomentar o acceso universal e diversificado das persoas mozas á cultura, xerar e afianzar hábitos de consumo de produtos culturais, crear novos públicos, estimular a demanda e fortalecer e consolidar a revitalización do sector cultural en España.