Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez destaca a importancia de dotar de ferramentas ás pemes lucenses “para que o proceso de dixitalización sexa un éxito”

A subdelegada participou na presentación do “Programa DiGalicia”, que impulsan a CEL e Estudios Rafer, co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos

Lugo, 27 de xuño de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, subliñou hoxe a importancia de responder a un dos grandes retos que teñen que afrontar as pemes e autónomos galegos como é a dixitalización das súas empresas, “aos que temos que dotar de ferramentas para que poidan abordar este proceso con éxito”. Fíxoo durante a presentación esta mañá do “Programa DiGalicia”, que impulsan a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Estudios Rafer, co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través do Plan de Recuperación. Trátase dunha iniciativa coa que se ofrece a empresarios, traballadores e desempregados formación gratuíta e axudas económicas para dixitalizar os seus negocios.

A subdelegada, acompañada do secretario da CEL, Jaime López; e o xerente de Estudios Rafer, Ramón Martínez; incidiu na sede dos empresarios lucenses que “o avance da tecnoloxía é imparable polo que dende o sector público e privado debemos traballar da man para que as nosas empresas aproveiten as oportunidades dixitais, mellorando a súa competitividade e eficiencia, e potenciando a creación de emprego de calidade”.

Neste sentido, Isabel Rodríguez animou aos empresarios, traballadores e desempregados lucenses a que se beneficien desta iniciativa para implantar ferramentas tecnolóxicas que “axuden a poñer ben os piares das súas empresas e negocios, para poder crecer e transformalos en todos os seus ámbitos de forma que todos os departamentos poidan sacar partido desa dixitalización”.

“Agardo que o DiGalicia sexa un verdadeiro revulsivo e sirva para consolidar a competitividade do tecido produtivo lucense, con capacidade de crecer e de facelo de maneira sostible e resiliente”, concluíu.

Dúas fases

DiGalicia divídese en dúas fases, a primeira que deu inicio hoxe e está dirixida principalmente aos directivos e responsables de departamento de pemes; e a segunda, orientada a desempregados e traballadores que busquen formarse como expertos en dixitalización, os denominados `Axentes do cambio´. O programa inclúe sesións virtuais, obradoiros personalizados nas empresas e material telemático, xunto a apoio e asesoramento para aplicar todos os coñecementos aprendidos sobre a dixitalización nos negocios.

Exit mobile version