Esta iniciativa do Goberno protexe a viabilidade das salas de exhibición coa recuperación da asistencia dun amplo sector da cidadanía, ao tempo que contribúe a un envellecemento activo e saudable de dita poboación
Isabel Rodríguez visitou esta mañá os cines Yelmo da capital lucense, adheridos ao programa estatal, e destacou a incidencia deste programa cultural na provincia, chegando a máis de 97.000 veciños e veciñas maiores de 65 anos, un 30% da poboación da provincia de Lugo. Alí, intercambiou coa subxerente da empresa, Cristina Risueño, e co director do centro comercial As Termas, Esteban Patiño, as impresións desta primeira edición do programa estatal que protexe a viabilidade económica das salas de exhibición cinematográfica mediante a recuperación da asistencia dun amplo sector da cidadanía, xerando un hábito de consumo, ao tempo que contribúe a un envellecemento activo e saudable de dita poboación.
Neste senso, a subdelegada explicou que as persoas maiores de 65 anos son os que máis están a tardar en retomar os hábitos de asistencia ao cine previos á pandemia. Así, obsérvanse notables diferenzas entre franxas de idade: se o 49,3% dos mozos de 20 a 24 anos acudiu polo menos unha vez ao ano ás salas de cine entre 2021 e 2022, esa porcentaxe cae ata o ao 6% na poboación de máis idade.
Os cinemas participantes terán que comunicar o prezo ordinario da entrada dese día, e o Ministerio de Cultura abonará a diferenza entre ese prezo e os 2 euros que pagarán os maiores de 65 anos, ata un máximo de tres euros por entrada vendida. As salas de cine interesadas en sumarse ao Programa Sénior poden tramitar a súa adhesión a través da páxina web. O prazo remata este venres, 23 de xuño, ás 23:59 horas.
Sector fundamental para a economía
De todos os sectores culturais, o cine é un dos máis afectados, aínda hoxe, pola pandemia. As medidas sanitarias tomadas por mor da COVID-19 provocaron un importante descenso na asistencia media ás salas de cinema no público español, unha asistencia que non termina de recuperarse. A pesar dos repuntes experimentados en 2022, o sector aínda se atopa aproximadamente cun 40% menos de espectadores en relación coa media dos anos 2017 ao 2019.
Cunha medida destas características, o Goberno quere seguir fomentando o acceso á cultura audiovisual do conxunto da poboación española, un motor de transformación e de desenvolvemento social e económico, capaz de xerar riqueza e emprego.
Bono Cultural Xove
Isabel Rodríguez aproveitou o acto para lembrar que os mozos lucenses nados en 2005 xa poden solicitar o Bono Cultural Xove, con 400 euros destinados á adquisición e o goce de produtos, servizos e actividades culturais. Na segunda edición deste programa, que tamén impulsa o Ministerio de Cultura, estímase que cumpren 18 anos en Lugo 2.186 persoas. Para solicitalo, deben rexistrarse e realizar o procedemento de solicitude na páxina web www.bonoculturajoven.gob.es ata o próximo 30 de setembro.