Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia defende a fixación de posibilidades de pesca plurianuais en augas comunitarias xa a partir do próximo ano

A autonomía reitera que a xestión pesqueira debe basearse na análise tanto dos aspectos biolóxicos como dos socioeconómicos e que a actual Política Pesqueira Común conta con eivas que é preciso corrixir para afrontar retos como a remuda xeracional ou a transición enerxética

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Pesca e no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios preparatorio do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da vindeira semana no que se realizarán as primeiras consultas sobre as posibilidades de pesca en augas comunitarias para o próximo ano. Nesta cuestión, Galicia defende a necesidade de que se fixen xa a partir de 2024 cotas plurianuais -para varios exercicios- nas principais especies de interese para a frota comunitaria.

A comunidade entende que o Goberno central debe aproveitar a Presidencia española da Unión Europea no segundo semestre do ano para promover un cambio de modelo na asignación das cotas de captura de forma que estean vixentes durante varios anos. Esa fórmula ofrecería á frota maiores certezas sobre o futuro da súa actividade e permitiríalle organizala e planificala mellor.

O Executivo galego defende un sistema plurianual que garanta unha maior estabilidade no desenvolvemento do labor do sector e que impida cambios bruscos dun ano para outro nas posibilidades de pesca pois cando se producen á baixa poñen en risco a rendibilidade da frota e os empregos asociados a ela. Nesta liña, lembra que nas decisións de xestión pesqueira que adopte a Comisión Europea deben terse en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais, tal como establece a Política Pesqueira Común (PPC).

Precisamente, en canto aos plans a longo prazo de Bruxelas na xestión pesqueira, Galicia lamenta a pretensión de restrinxir a pesca en augas comunitarias poñendo en marcha distintas estratexias para a protección dos ecosistemas pero sen informes científicos que xustifiquen esas limitacións á actividade extractiva.

A comunidade considera que a deriva medioambientalista que está a tomar o Executivo comunitario nas súas políticas pon en risco o futuro dun sector que é vital para a economía das zonas costeiras de Galicia e que é preciso realizar un intenso labor a todos os niveis para evitar que se repitan barbaridades como o veto á pesca de fondo decretado a finais do ano pasado en 87 áreas de augas comunitarias.

Neste sentido, a Xunta salienta a importancia de facer presión desde todos os estados membros con intereses pesqueiros para que Bruxelas actúe coa máxima rigorosidade e -tanto cando presente a súa proposta de revisión do veto á pesca de fondo como nos plans para restrinxir o arrastre- adopte todas as medidas en base a estudos biolóxicos e socioeconómicos completos, actualizados e rigorosos.

Galicia defende que calquera medida deste calado debería aplicarse de xeito gradual para evitar un impacto negativo na frota tanto pola redución das zonas de traballo -coa conseguinte concentración de buques nos mesmos caladoiros- como pola sobreexplotación das pesqueiras que quedan dispoñibles.

Este tipo de limitacións á actividade obrigarían a unha reestruturación da frota galega e europea totalmente inxustificada nun momento no que está perfectamente dimensionada. Boa mostra diso é que a maioría de especies que captura a frota galega se atopan no rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que garante a continuidade da actividade extractiva a longo prazo.

A comunidade tamén entende que a PPC actual conta con numerosas eivas que sería necesario corrixir e, ao contrario do manifestado por Bruxelas, aposta por revisala para dar unha resposta axeitada a algúns dos principais retos de futuro do sector pesqueiro, como a remuda xeracional ou a transición enerxética da frota.

Exit mobile version