Viveiro, 8 de xuño de 2023. O Concello de Viveiro está desde hoxe cun stand propio na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebra en Silleda ata o domingo.
Durante a feira, o concello manterá varias reunións con diferentes touroperadores europeos co fin de promocionar internacionalmente os recursos turísticos do Concello de Viveiro. Hai moito interese no sector polo potencial paisaxístico, cultural e de natureza da vila.
Viveiro conta en Sileda cun stand individual no que ofrece folletos de promoción e información sobre o municipio. Ademais, mañá haberá unha degustación de merluza do pincho en empanada e Pan dos Apóstoles, que é o doce típico da Semana Santa.
Dende o goberno local destacan que a participación nesta feira de turismo e as actividades previstas contribuirán a promocionar Viveiro como un destino turístico de calidade ao longo de todo o ano.