Os nenos de 1º e 2º de Primaria debían elaborar unha peza audiovisual sobre o respecto pola auga, resultando logo 4 gañadores, un por provincia, ademais de finalistas
Xove, 20 de xuño de 2023. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o labor de concienciación sobre o aforro da auga dos escolares do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove no vídeo gañador do premio provincial Innovaugas 4.0.
Vázquez Mourelle entregou hoxe, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o galardón, dotado con 3.000 €, ao proxecto gañador na provincia de Lugo, realizado polos alumnos de 1º de primaria deste centro.
Destacou que o vídeo galardoado, “Gota a gota tamén se esgota”, traslada nun minuto consellos para aforrar auga e incide en que o coidado deste recurso é tarefa e responsabilidade de todos. Entre as recomendacións dos escolares para o aforro da auga figuran o pechar a billa cando se lavan os dentes ou as mans; instalar dispositivos de aforro; aproveitar a auga da chuvia para regar as plantas; ou reducir o uso de microplásticos porque contaminan os ríos e o mar.
Agradeceu aos rapaces e aos profesores a tarefa que fixeron para transmitir a mensaxe de coidado da auga, así como os valores e consellos para preservala e non malgastala.
Ethel Vázquez puxo en valor a acollida destes 1º Premios Escolares Innovaugas 4.0 que organiza Augas de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para promover e fomentar o uso responsable da auga entre os máis novos.
A iniciativa ía dirixida aos nenos de primeiro e segundo curso de primaria de toda Galicia, que debían elaborar unha peza audiovisual sobre o respecto pola auga. Unha vez presentados os traballos, elixíronse 4 gañadores, un por provincia, ademais de finalistas.
Innovaugas 4.0
Estes premios enmárcanse no proxecto Innovaugas 4.0, promovido pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural.
O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
O proxecto Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 e conta cunha axuda de fondos europeos de 4,2 M€, sendo cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 M€.