Foz, 7 de xuño de 2023. Esta mañá presentouse no CENIMA (Foz) a quinta edición do 15K da Mariña Banco Mediolanum, que se celebra este domingo entre Foz e Burela nun circuíto totalmente costeiro. Nela participaron o alcalde e a concelleira de Deportes de Foz, Francisco Cajoto e Gema Méndez, o alcalde e o concelleiro de deportes de Burela, Alfredo Llano e Ramiro Fernández, así como diferentes FamilyBankers do Banco Mediolanum e Serafín Martinez, director do evento.
Serafín Martínez indicou que, ademais da xa tradicional andaina, este ano incorpórase como novidade a posibilidade de inscribirse na distancia de 5 quilómetros para aqueles participantes que decidan optar por un percorrido menos esixente.
A saída da carreira de 15K terá lugar o domingo 11 de xuño ás 11:00 horas dende a praia de Llas para rematar no Concello de Burela. Os participantes da andaina comezarán unha hora antes, ás 10:00 horas. En canto á proba de 5 quilómetros, a saída será ás 11:30 dende o Pavillón dos Castros de Foz, chegando tamén ao Concello de Burela.
Dende a organización ponse a disposición dos participantes un servizo de autobuses dende o porto de Burela ata a saída, tanto antes como despois da proba.
Jose Manuel Rodríguez, en representación do Banco Mediolanum, destacou o carácter solidario do evento no que, a través do proxecto Aproxima da Fundación Banco Mediolanum, será doado 1 euro de cada inscrición ao Centro Ollos Grandes, de Lugo, co obxectivo de que os nenos e nenas poidan conseguir un futuro mellor.
As inscricións permanecen abertas ata as 23.59 horas de hoxe, mércores, na páxina web https://bancomediolanum15kseries.com/