A Mariña, 22 de xuño de 2023. O Bloque Nacionalista Galego vén de ratificar na Xunta Electoral de Mondoñedo a elección de Daniel García como novo deputado provincial, despois do procedemento interno levado a cabo no seo da formación nacionalista.
O concelleiro barreirense foi proclamado deputado electo tras o apoio unánime das concelleiras e concelleiros que acudiron á cita diante da Xunta Electoral, tras a acta obtida nas eleccións municipais do 28 de maio.
Dende o BNG remarcan a importancia do papel da organización frontista na gobernabilidade da institución provincial.
Daniel García manifestou que “afronta esta nova etapa con ilusión e responsabilidade, sabendo da importancia de levar as necesidades da comarca á institución provincial e de trasladar o apoio da mesma ao territorio, traballando por achegar políticas centradas nas persoas e no País a todos os recunchos”.
Xunto a Daniel García (Barreiros), constan Pablo Vizoso (Ribadeo) como Suplente 1, Iria Cotelo (Viveiro) como Suplente 2 e Diego Fernández (Cervo) como Suplente 3.