“Un grupo do BNG en Madrid será determinante para defender os nosos intereses ante os ministerios responsabeis deste tipo de proxectos” dixo Daniel Castro
Lugo, 23 de xuño de 2023. O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Daniel Castro, e a número 2 da candidatura, Cristina López, xunto con representantes do BNG en Castro de Rei visitaron o Centro de Investigación Aeronáutica de Rozas. Daniel Castro explicou que “desde o BNG vemos nesta instalación un gran potencial no eido do I+D+i, mais que non está a supoñer unha mellora para a vila de Castro de Rei”.
“Un grupo parlamentario do BNG no Congreso será fundamental para defender os nosos intereses ante organismos como o ministerios que teñen responsabilidades sobre este tipo de proxectos””explicou Daniel Castro, que engadiu “o CIAR foi creado en Novembro 2014 cun importantísimo investimento por parte dos gobernos do estado e da Xunta de Galiza, prometendo que o centro estaría adicado a promover os drons no ámbito civil”.
Segundo os datos do INE, Castro de Rei perdeu na última década preto de 400 habitantes, pasando de 5.422 persoas en 2012 a 5.033 ao peche de 2022. “A realidade é que, practicamente 10 anos despois do inicio do proxecto, a vila de Castro de Rei continúa a perder poboación a pesar dos importantes investimentos públicos para atraer empresas”, declarou o candidato do BNG.
“O aeródromo de Rozas ten que servir para poder mellorar os servizos públicos galegos como a prevención e extinción de lumes, a xestión de catástrofes, a xestión do Territorio, a vixilancia costeira e do medio ambiente e para apoiar certos servizos sanitarios e de Emerxencias”, afirmou o candidato do BNG, que engadiu “nos últimos anos foi utilizado como lanzadeira para a investigación militar, con proxectos como os avións espía MILANO”.
Daniel Castro afirmou que o BNG defende a aposta polo I+D+I e a súa aplicación na Industria, o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, o fomento da innovación e da investigación aeronáutica, e explicou que “atendendo ao principio de solidariedade, antiimperialismo, paz e desarme no concerto internacional, que defende o BNG, traballaremos para que esta instalación se utilice exclusivamente, con aplicacións de uso civil”.