Esta iniciativa comezou a aplicarse en todas as parroquias despois do confinamento para achegar aos maiores o uso das novas tecnoloxías
Mondoñedo, 19 de xuño de 2023. O Concello de Mondoñedo arranca a terceira edición do programa As TIC Na casa, iniciativa que se empezou a desenvolver en todas as parroquias despois do confinamento, para achegar aos maiores o uso das novas tecnoloxías. Nesta edición levarase a cabo en Mondoñedo centro, Oirán, Sasdónigas e Viloalle. O programa comeza agora e durará ata finais de setembro.
O envellecemento da poboación é unha das maiores preocupacións dos galegos. Para abordar a relación das persoas maiores coas TIC, o programa As TIC na Casa emprega dúas perspectivas: como usuarios activos que as usan para realizar tarefas de todo tipo (lecer, formación, xestión administrativa etcétera), ou como usuarios perceptores de servizos de apoio á súa vida diaria, cunha necesidade de interacción mínima coa tecnoloxía ou mesmo sen interacción algunha. Por outro lado, apoia á comunidade local de persoas maiores na integración na sociedade dixital e dótaas de ferramentas que lles permitan ser membros activos e con maior autonomía. Igualmente, crea vínculos positivos nas zonas rurais, habilitando espazos e recursos para establecer puntos de reunión equipados con tecnoloxías da información. Permite crear sistemas de alerta temperá.
Os obxectivos do programa As TIC na Casa son prolongar a autonomía persoal e o benestar dos seus participantes, facéndoos formar parte da sociedade dixital actual; resolver as súas necesidades telemáticas e fomentar a utilización das TIC como ferramenta que lles permite estar conectados coas súas familias e co mundo que os rodea, ademais de controlar aspectos básicos da súa saúde e manter un estilo de vida activo.