O portavoz popular asegura que “non vimos aquí para ser contrarios nin rivais de ninguén”, anuncia traballo diario para mellorar o municipio e asegura que actuarán “con rigor e con ilusión, como sempre, tanto na oposición como no goberno”
Foz, 17 de xuño de 2023. Os concelleiros do PP en Foz, despois de xurar ou prometer os seus cargos, sinalaron que farán “oposición con responsabilidade, buscando o mellor para Foz; esixindo un bo goberno, que cumpra o prometido e que sexa xusto con todos os veciños”. Os edís populares felicitan “a Francisco Cajoto, que será o alcalde durante os próximos catro anos, e tamén aos seus compañeiros do Grupo Socialista”, aos que desexan “moita sorte, porque a sorte do goberno será a sorte de todos”. Para o grupo que lidera Javier Castiñeira “é un verdadeiro orgullo formar parte desta corporación de Foz, un concello con moita historia, milenaria; un concello importante da provincia de Lugo e de Galicia”. Foz, sinala Castiñeira, “é atractivo para vivir e para disfrutar, como dicía o querido Suso Fernández, é un Foz de ensoño, que todos queremos mellorar”.
Castiñeira indica: “Nós non vimos aquí para ser contrarios nin rivais de ninguén. Tócanos facer labor de oposición, fiscalizar ao goberno, un traballo ás veces ingrato e non sempre ben valorado; pero aseguramos que será unha oposición propositiva, intensa e na que trataremos de facer oír a voz dos veciños e trasladar as súas necesidades, queixas e propostas”.
Os populares anuncian que traballará todos os días para mellorar o municipio, e farano “con rigor e con ilusión, como sempre, tanto na oposición como no goberno”. Expresan o seu agradecemento “a todos os que nos deron a súa confianza para estar hoxe aquí, no pleno de investidura; estamos comprometidos con eles e coa totalidade dos veciños, nos votaran ou non, porque Foz está por diante de todo”.