Velaí o seu discurso de investidura
Vou a comezar o meu discurso falando da EMOCIÓN. Falando dos sentimentos que embargan a alguén que se sente tan de Burela, tan unida e tan orgullosa de compartir a identidade de Burela con todos e todas vós. Ser a partir de hoxe, a alcaldesa de Burela é o mellor título e a maior honra que poderei ter na vida. GRACIAS POR TANTO.
Sigo cun ORGULLO especial porque a cidadanía de Burela me concedeu ser a súa primeira alcaldesa en toda a historia deste Concello. Como muller que creceu a medida que os dereitos das mulleres tamén foron medrando, a medida que con toda xustiza as mulleres imos gañando o espazo que nos corresponde na vida pública do noso país, é un orgullo que en min tamén como muller recaese a responsabilidade de ser a primeira Alcaldesa de Burela. Comparto este orgullo con todos os veciños de Burela e ídesme a permitir que de maneira especial o comparta con todas e cada unha das mulleres de Burela, sen distinción de idade, crenzas, cor ou ideoloxía. A todas lles digo que véndome a min, poden verse a si mesmas.
Cos bureleses e burelesas teño un dobre COMPROMISO que quero solemnizar nesta sesión. O Primeiro, vou traballar duro, o meu equipo de goberno vai traballar sen parar por Burela. Non nos chegarán as horas do día para adicarllas a este pobo que se merece toda a entrega de quen o goberna. E chamaremos a todas as portas cantas veces sexa necesario – ás da Deputación de Lugo, ás do Goberno da Xunta e ás do Goberno do Estado – para que apoien a Burela.
O Segundo compromiso. Imos facelo ben, con sentido da responsabilidade pero tamén con determinación, se o prefiren, con valentía. Chegamos cargados de proxectos bos para Burela, para mellorar a vida dos veciños e veciñas, para abrir novos espazos cos que compartir a vida diaria do pobo, para dinamizar os sectores produtivos que se merecen os nosos traballadores, empresarios e autónomos. Temos que mellorar a vida de Burela e non vai quedar esforzo por facer para conseguilo.
Tamén quero que o meu discurso exprese RECOÑECEMENTO. É de xustiza. Ao Alcalde Alfredo Llano por 12 anos de adicación a Burela que marcaron a vida deste Concello. Tamén por darme a oportunidade de traballar no seu equipo ofrecéndome a Concelleria de Servizos Sociais e de Mar e concedéndome unha impagable experiencia. E recoñecemento por tomar a xenerosa decisión de ceder de maneira voluntaria a testemuña abrindo así a renovación do Concello. Renovación que sempre é unha panca en calquera institución para impulsala.
Grazas, Alfredo, e grazas a todo o equipo de Goberno que traballou estes últimos catro anos por Burela.
E un recoñecemento, GRATITUDE, que me van a permitir faga ao meu partido, que me elixiu para encabezar a candidatura, que confiou en min e que fixo posible que hoxe este á fronte desta responsabilidade. Nin ao PSdeG, nin aos veciños e veciñas de Burela, vou defraudar.
Dixen xa que ofrecemos traballo e determinación. Tamén ENTENDEMENTO a través do diálogo construtivo que desde este mesmo momento fago chegar á oposición. Representan a unha parte importante dos veciños e veciñas e, máis aló das lóxicas e lexítimas discrepancias, ofrézolles que nos entendamos no importante, no que nos une para mellorar Burela. Teñen o meu respecto e tamén a miña disposición para conseguilo en beneficio de Burela, que é a prioridade.
A primeira proba de responsabilidade que se esixe a quen goberna é facer realidade na vida das institucións o que os cidadáns quixeron trasladar nas urnas. Por iso, imos gobernar conxuntamente dúas forzas distintas e a nosa vontade é facelo con lealdade e eficacia. Compartindo sen reservas as decisións.
Sen ruído. Conscientes que a nosa responsabilidade é facelo da mellor maneira. E
por iso, quero agradecer a disposición do BNG – e tamén do PSdeG- para sumar esforzos compartindo proxectos. Teño a convicción plena de que acertamos porque cumprimos co mandato dos veciños e veciñas.
Os veciños e veciñas. A eles e elas quero dirixirme especialmente. Para expresar a inmensa gratitude que sinto pola confianza que me deron. Todos eles forman parte da miña vida porque a miña vida foi, é e será Burela. Formo parte de vós e a responsabilidade de Alcaldesa non me vai restar nada á proximidade que sempre atopastes en min e que permanecerá intacta tamén de agora en diante. Sodes o destino de todo o noso traballo.
Burela ten por diante para estes anos, xa o dixen antes, dúas grandes tarefas. Dunha parte, facela máis accesible, máis vivible, aínda máis amable; con espazos para gozar da vida diaria e cunha mellora dos seus equipamentos e infraestruturas.
Doutra parte, relanzar a proxección de Burela para atraer o mellor para Burela. Este é un municipio cun enorme potencial de crecemento e de visibilidade. Temos que ir en busca das oportunidades para Burela, non esperar que nos veñan soas. Non hai tempo que perder nin oportunidade que desaproveitar. Con esa consciencia e con esa responsabilidade chego á Alcaldía.
Acabo.. E deixei para o final, dúas gratitudes especiais que quero deixar hoxe sentadas neste salon de plenos, porque son un tesouro para min.
A primeira á candidatura que me acompañou. Acertei de pleno coa elección. Demostrástedes nestas semanas valores que aprecio especialmente: afecto, lealdade, competencia e compromiso. Gracias, queridos compañeiros e compañeiras por acompañarme neste proxecto.
A segunda ao meu outro gran equipo. Á miña familia. Aos que teño sempre. Aos que non me fallan nunca. Que me dan comprensión, tranquilidade e crítica honesta cando cren que a merezo. Á familia e a cada unha das persoas que me cedístedes o voso tempo e arrimástedes o voso ombro ao meu para que hoxe sexa alcaldesa.
E finalizo sentíndome moi honrada de ser a Alcaldesa de Burela. Coa emoción de representar desde o Concelllo aos veciños e veciñas de Burela. E dándoo todo por Burela nos próximos 4 anos. Gracias.