Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023. Alumnos e alumnas de 1º da ESO do Instituto de Educación Secundaria (IES) Monte Castelo de Burela resultaron gañadores do certame Clases sen fume, que organiza a Xunta de Galicia, no apartado de “Mellor actividade Creativa” coa proposta “Déixate axudar”. Esta mañá recolleron o premio nun acto celebrado en Santiago de Compostela, presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e ao que asistiron os finalistas de toda Galicia.
O premio consiste en desfrutar dun programa multiaventuras de cinco días no complexo xuvenil de Gandarío, que compartirán cos outros dous centros gañadores: o IES Valle Inclán de Pontevedra e, na categoría de “Mellor Slogan”, o Colexio Galaxia de Ribeira.
Clases sen fume é un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de primeiro ciclo de ESO, é dicir de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco. Está impulsado pola Consellería de Sanidade no marco do “Plan Proxecta”, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Este ano participaron no certame mais de 1.800 escolares de 40 centros educativos de toda Galicia.