Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos de educación primaria do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove participaron este mércores na xornada divulgativa “Eu Como Peixe”

Xove, 20 de xuño, 2023. 65 alumnos de educación primaria do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove participaron este mércores 7 de xuño na xornada divulgativa “Eu Como Peixe” impartida pola nutricionista Alba Vila en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela

Esta visita forma parte da serie de actividades dirixidas ao público infantil que se levan a cabo desde a OPP-7 Puerto de Burela, co obxectivo de achegalos ao mundo da pesca e o consumo de peixe; inclúese no seu plan de produción e comercialización e están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e FEMPA.

O curso de visitas aos colexios da Mariña Lucense pechouse con esta xornada en Xove, despois de visitar nas últimas semanas tamén os colexios de Nois e Martínez Otero de Foz.

O secretario técnico de OPP-7, José Manuel Beltrán, deu a benvida aos alumnos antes de dar paso a unha charla divulgativa sobre os beneficios de comer peixe, impartida pola nutricionista Alba Vila, que, ademais dos seus centros de dietética en Burela e Foz, tamén coordina os menús dalgún colexio da zona.

Os pequenos amosáronse moi atentos durante a presentación, seguindo os debuxos e explicacións sobre algunhas das principais especies da lonxa de Burela: pescada do pincho de Burela, peixe sapo, peixe espada, cabala e bonito do norte; e aprendendo as principais diferencias entre o peixe azul e o peixe branco.

No acto participaron 65 alumnos de entre seis e dez anos, de primeiro, segundo e quinto de educación primaria, que ao final da charla recibiron un regalo en forma de mandil e gorro de chef cos que prometeron que axudarán a cociñar moito peixe nas súas casas durante as vacacións deste verán.

Exit mobile version