Esta acción inclúese no plan de produción e comercialización de OPP-7 Porto de Burela, cofinanciada pola Xunta de Galicia e FEMPA, dentro das actividades dirixidas ao público infantil co obxectivo de achegalos ao mundo da pesca e o consumo de peixe.
O secretario técnico de OPP-7, José Manuel Beltrán, deu a benvida aos alumnos antes de dar paso a unha charla divulgativa sobre os beneficios de comer peixe, impartida pola nutricionista Alba Vila, que, ademais dos seus centros de dietética en Burela e Foz, tamén coordina os menús dalgún colexio da zona.
Os pequenos amosáronse moi atentos durante a presentación, seguindo os debuxos e explicacións sobre algunhas das principais especies da lonxa de Burela: pescada do pincho de Burela, peixe sapo, peixe espada, cabala e bonito do norte; e aprendendo as principais diferencias entre o peixe azul e o peixe branco.
No acto participaron 75 alumnos de entre cinco e oito anos, desde quinto de educación infantil ata segundo de educación primaria, que ao final da charla recibiron un regalo en forma de mandil e gorro de chef cos que prometeron que axudarán a cociñar moito peixe nas súas casas durante as vacacións deste verán.