Cervo, 1 de xuño, 2023. O candidato popular á reelección, Alfonso Villares, fixo un balance moi positivo dos comicios celebrados este pasado domingo cualificando de “extraordinarios” os resultados acadados polo Partido Popular de Cervo, xa que máis do 60% dos votos depositados nas furnas -concretamente o 61,3%- foron en apoio á nosa candidatura “o que nos dá máis forza para seguir traballando como ata o de agora, facéndoo desde a humildade e mantendo o concello unido”.
Nesta liña, o rexedor cervense en funcións puntualizou que é a segunda vez na historia democrática que un partido político supera en Cervo o 60% dos sufraxios, “un fito extraordinario que, desde as primeiras eleccións municipais da democracia do ano 1979, tan só se logrou en dúas ocasións; este pasado domingo e vai catro anos con este mesmo equipo, grazas ao apoio dos cervenses”.
Tal e como apuntou Villares, “este domingo, pois, volvemos examinarnos ante os veciños, e sentímonos moi satisfeitos de que un pobo con tanta diversidade política aglutinara tanto sentimento positivo cara a nós, superando en máis de 700 sufraxios a suma dos votos dos dous partidos da oposición”.
Villares quixo ter un especial agradecemento con todas as persoas que fixeron posible este resultado; “tanto as persoas que confiaron en nós co seu voto” como o equipo que o acompañou nesta campaña, militancia, apoderados, interventores do partido…; e os compañeiros de candidatura “que deixaron a pel nesta campaña e fixeron un extraordinario traballo na rúa, levando a cada fogar o proxecto de futuro do Partido Popular de Cervo”.