A mostra, organizada grazas á colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello de Xove, poderase visitar ata o vindeiro 9 de xullo
A EXPOSICIÓN «VIAXANDO. COLECCIÓNS DE ARTE AFUNDACIÓN E ABANCA»
Co obxectivo de amosar as coleccións de arte de ABANCA e Afundación fóra das súas sedes, Afundación deseñou unha exposición de rúa que permite encher as prazas de diferentes localidades galegas coa creación dalgún dos artistas galegos máis interesantes dos últimos douscentos anos. Obras que poden enmarcarse no impresionismo, o rexionalismo, romanticismo ou naturalismo, pero tamén novas linguaxes contemporáneas que mesturan a colaxe, o grafiti, a fotografía ou incluso o fume con trazos de factura moi persoal.
Todas as pezas seleccionadas convidan a facer unha viaxe, unhas por Galicia e outras arredor do mundo: Siena, O Cairo, A Habana, Chicago, a Antártida, a India ou Tokio a través da obra de importantes nomes da arte como Villaamil, Sotomayor, Carlos Sobrino, Freixanes, Pamen Pereira ou Berta Cáccamo, entre outros. A cronoloxía das pezas abrangue desde finais do século XIX ata a actualidade, e cada unha delas vai acompañada dun texto divulgativo escrito pola crítica de arte Mercedes Rozas.
O concepto do proxecto, a viaxe, sempre supuxo unha procura de bagaxe intelectual, un desexo de experiencia e un xeito de descubrir novos rumbos para a produción artística, pero tamén é unha experiencia enriquecedora para todos os viaxeiros. Por iso a exposición invita a facer unha viaxe, a deixar voar a imaxinación para percorrer as rúas, os campos, respirar as atmosferas e as sensacións que evoca cada imaxe.
Toda viaxe implica unha aprendizaxe, un pequeno ou gran cambio na persoa que o protagoniza; con esta mostra, Afundación, Obra Social ABANCA, invita a facelo a través dunha viaxe con moita arte.