Os traballos inclúen unha actuación inicial e outras tres de mantemento en exercicios posteriores e afectan tanto á canle de acceso ao porto como ao peirao de Mirasol e á dársena pesqueira
Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web de Portos de Galicia (www.portosdegalicia.gal). Os licitadores teñen de prazo ata o día 19 de xuño para presentar as súas ofertas.
O obxectivo desta actuación pasa por manter a operatividade e seguridade do porto, sometido a unha intensa actividade sedimentaria que produce a redución de calado en varias zonas do mesmo. Para esta fin proxéctase unha dragaxe plurianual consistente nunha actuación inicial e tres máis de mantemento en exercicios posteriores.
Nesta primeira fase dragaranse preto de 10.000 metros cúbicos de áridos na canle de acceso ao porto, ata acadar a cota -5, case 140.000 metros cúbicos na dársena pesqueira, ata a cota -2, e máis de 15.500 metros cúbicos no peirao de Mirasol. Parte dos áridos extraídos durante os traballos serán depositados na praia de San Miguel de Reinante.