Lugo, 28 de xuño de 2023. A Xunta de Galicia fixo entrega das Bandeiras Azuis que distinguen a calidade das praias de As Pasadas, Coto e Fontela-Valea, en Barreiros, e Area, en Viveiro. Este recoñecemento, de carácter internacional, concédeo a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
O acto tivo lugar na Delegación Territorial de Lugo, e contou coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o tenente alcalde viveirés, Jesús Fernández, e o concelleiro de Deportes de Barreiros, Daniel García.
A provincia de Lugo conseguiu este ano case unha trintena de Bandeiras Azuis para os seus areais, portos deportivos ou roteiros de sendeirismo. A Xunta está a completar a distribución aos municipios que non puideron recollelas no acto central celebrado en Arteixo hai uns días.