Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta anima ás pemes galegas a innovar seguindo o exemplo de empresas como Jim Sports

Nas vindeiras semanas, publicarase a convocatoria da liña de axuda InnovaPeme orientada a apoiar a incorporación da innovación e o deseño nas pemes 

Palas de Rei (Lugo), 6 de xuño de 2023. A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, visitou esta mañá en Palas de Rei a empresa Jim Sports, dedicada á fabricación e distribución de equipamento deportivo. Argerey destacou o exemplo da peme lucense como caso de éxito de innovación continua para facer fronte aos retos do mercado, a través da dixitalización e automatización dos procesos de produción, loxística e almacenaxe para incrementar a súa produtividade ou a escoita activa dos consumidores e do mercado para adiantarse aos cambios nas necesidades dos seus clientes, entre outros aspectos.

Argerey lembrou que a innovación non é só unha cuestión relativa a grandes empresas tecnolóxicas, pois está ao alcance de todas, independentemente do seu tamaño, localización ou sector. Tamén apuntou que Jim Sports, situada nun concello rural, fabrica e distribúe material deportivo para máis de 30 disciplinas, conta con máis de 17.000 referencias no seu catálogo de produtos.

Pola súa banda, os representantes de Jim Sports aproveitaron para explicar os novos proxectos nos que está inmersa destacando a futura creación dun depósito aduaneiro público, co que espera gañar competitividade para as súas empresas e tamén para as que queiran facer uso do mesmo, axudando así a dinamizar a zona.

Argerey aproveitou para lembrar que nas vindeiras semanas se publicará a convocatoria da liña de axuda InnovaPeme, que ten como obxectivo apoiar ao tecido empresarial a incorporar a innovación e o deseño nos seus procesos produtivos, dotada con 4,5 millóns de euros.

Exit mobile version