Vilalba, 22 de xuño, 2023. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nomeou á cabeza de lista da candidatura do PP en Vilalba, Sandra Vázquez, como nova Secretaria Xeral de Igualdade. Vázquez asegura que “o meu compromiso con Vilalba segue intacto. Agora traballarei por Vilalba e o resto de Galicia dende o Goberno galego”. Nese sentido, trasladou o seu agradecemento ao presidente Alfonso Rueda e á conselleira Elena Rivo.
O PP agradece que “o presidente da Xunta teña presente Vilalba e que agora, ademais, confiara nunha vilalbesa para formar parte do Goberno autonómico. É, sen dúbida, unha boa nova non só para a nosa presidenta ou para a agrupación local do Partido Popular; senón tamén para Vilalba, que gana peso no Goberno galego”.
Vázquez, que deberá deixar as súas actas como concelleira e deputada no Parlamento de Galicia, continuará á fronte da agrupación local do Partido Popular da que é presidenta.