Cervo, 19 de xuño, 2023. As dúas persoas que navegaban a bordo da lancha foron rescatadas por outra embarcación que estaba na zona, nas proximidades das Illas dos Farillóns.
Un particular contactou co 112 Galicia para alertar da situación. Segundo indicaba, fora avisado dunha embarcación de recreo que batera contra unhas rochas, na costa de Cervo.
Axiña, desde o 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo, que mobilizou a Salvamar Alioth e o helicóptero Pesca II do Servizo de Gardacostas de Galicia.
Tamén, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención do grupo acuático do GES de Cervo, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e dos axentes da Garda Civil.
Os dous tripulantes da lancha foron levados ao Porto de Morás, en Xove, sen a necesidade de recibir asistencia médica.