Site icon Crónica3.com A Mariña

A ‘Merluza D& Burela’ no Salón de Alimentación do Atlántico

Burela, 11 de xuño, 2023. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e Armadores de Burela promocionaron esta semana os seus produtos pesqueiros máis representativos na 26ª edición do Salón de Alimentación do Atlántico “Salimat Abanca”, que se está celebrando na Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra).

Dentro do programa de catas e degustacións dos produtos do mar “GALICIA SABE A-MAR” no stand da Consellería do Mar da Xunta de Galicia destacan un ano máis a pescada do pincho de Burela e o bonito do norte de Burela.

Na mañá do domingo celebrouse a degustación gastronómica “Galicia sabe a-mar: pescada do pincho de Burela” a cargo do chef José Manuel Mallón, de Espazo Gastronómico Remollo de Ames, que preparou dúas receitas en maridaxe con outras denominacións de Galicia, como os viños D.O. Rías Baixas ou os Pementos de Herbón: “Cola de Merluza D& Burela ao vapor de alga wakame con fabas de comino e pan de castaña e sepia”; “Lombo de Merluza D& Burela á prancha sobre emulsión de alga codium e Pementos de Herbón”.

Salimat constitúe o mellor espazo para promocionar os produtos artesáns, gourmet, ecolóxicos e innovadores, e por iso Burela participa un ano máis neste Salón Gastronómico. Na xornada inaugural do pasado xoves o protagonismo tamén foi para o “peixe de Burela”, coa degustación “GALICIA SABE A-MAR: BONITO DO NORTE”, a cargo do chef Moisés Rodríguez, do Taller del Bienestar de Ourense, acompañado de viños da D.O. Monterrei.

Estas accións inclúense no plan de produción e comercialización da Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Burela, realízanse en colaboración con Armadores de Burela e están cofinanciadas por Xunta de Galicia e FEMPA.

Exit mobile version