O deputado en funcións de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón; a alcaldesa de Viveiro en funcións, María Loureiro, e o co-director e organizador do evento musical, Iván Méndez, presentaron o festival, que contará cun patrocinio da institución provincial de 150.000 euros.
“É un pracer ver como este festival de referencia camiña con forza cara completar dúas décadas de existencia”, apuntou Rivera Capón.
“Este festival é unha historia de éxito feita a si mesma, un exemplo do que unha iniciativa dun grupo de afeccionados pode conseguir co respaldo intelixente do Concello e do conxunto das administracións públicas, e o máis importante, da xente”, destacou o deputado.
Puxo en valor a evolución da cita musical como “un evento que combina ese acervo cultural co turismo experiencial e tamén coa música. Unha mestura máxica que fai do Resu un evento indispensable e diferente no calendario internacional”.
María Loureiro valorou “moi positivamente a repercusión do festival na economía local, con días de alta ocupación hoteleira non só en Viveiro, senón na comarca, e con moita actividade no sector servizos”.
Segundo a alcaldesa de Viveiro en funcións, “é tamén un reto acoller o Resurrection Fest polos milleiros de persoas que nos visitan”, agradecendo o esforzo dos organizadores e das forzas de seguridade que “durante os catro días do festival traballan sen descanso para que todo transcorra con normalidade”.
Iván Méndez destacou que “o festival alcanza a maioría de idade nun estado de forma moi bo, xa que nas últimas cifras manexadas pola Asociación de Promotores Musicais e a industria musical, o Resurrection Fest está entre os 10 festivais máis grandes de España, sendo o maior dos festivais de rock e metal do país”, ademais de contar co récord de ser o festival máis grande celebrado en España nunha vila de menos de 20.000 habitantes.
“O cartel deste ano contará cuns 100 artistas divididos en 4 días e 4 escenarios. Os cabezas de cartel dos días principais terán as súas datas únicas en España e será o cartel con máis bandas internacionais que nunca tivemos no noso festival nin tampouco nun evento en Galicia, con 75 bandas de fóra de España”, apuntou Méndez.
O responsable do festival explicou que este ano contarán cun “bulevar que imita as tendas de discos históricas a nivel mundial, unha capilla onde a xente poderá casarse, concertos secretos de artistas internacionais e unha maior zona de descanso, onde a xente poderá acampar durante o festival e desfrutar de diversas actividades que pronto se desvelarán”.