A Deputación de Lugo remata esta semana a tempada de primavera da terceira edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, que se retomarán en outono, con novas visitas entre os meses de setembro a novembro. No que vai de tempada, desde o mes de marzo, beneficiáronse preto de 1.800 usuarios e usuarias dunhas 90 entidades e colectivos lucenses sen ánimo de lucro, polo que, con estas viaxes a institución provincial contribúe a impulsar a economía e o turismo de proximidade nas vilas onde se desenvolven estas rutas.
Máis dun centenar de veciños e veciñas dos concellos de Lugo, Cospeito e Triacastela serán esta semana os últimos participantes. Deste xeito, este martes serán os membros da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e da ANPA do IES Nosa Señora de Ollos Grandes, tamén da capital lucense, os que realicen a súa ruta polo sur da provincia e A Montaña, respectivamente. Os primeiros partirán cara Monforte desde o Pazo de San Marcos tras ser recibidos polo Deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e os segundos sairán do Mazo de Santa Comba despois dun saúdo do Deputado en funcións de Medio Ambiente e Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo.
O mércores será protagonista de novo A Montaña. A Asociación de Veciños Cultural e Deportiva San Vicente de Pías, de Lugo, desprazaranse a Cervantes e Navia de Suarna logo de coñecer a historia e as instalacións da sede provincial en San Marcos.
Finalmente, o venres protagonizarán a última xornada os socios da Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta, XOTRAMU, e escolares da APA do CEIP, de Triacastela, que, tras achegarse ambos colectivos aos segredos televisivos na Produtora de Audiovisuais da Deputación, coñecerán o patrimonio natural e cultural da Fonsagrada, Negueira de Muñiz e da capital de Lugo.
A institución provincial continuará despois dos meses de verán coa segunda quenda das viaxes da terceira edición do Coñece a túa provincia, que arrancarán o 12 de setembro e desenvolveranse ata o día 7 de novembro.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.