Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación consolida a aposta pola transformación da madeira para aportarlle valor engadido

O Deputado de Participación Cidadá en funcións asistiu este venres á clausura da Asemblea Xeral de Lugomadera na que destacou a potencia madeireira da provincia de Lugo en Galicia e no conxunto do Estado

Lugo, 9 de xuño de 2023. O Deputado de Participación Cidadá en funcións, Roberto García Pernas, participou este venres na clausura da Asemblea Xeral da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Lugomadera, que tivo lugar no Val dos Soños, en Castro de Rei. García Pernas destacou o compromiso da Deputación de Lugo “coas empresas do noso sector primario e, especialmente, coas empresas do sector madeireiro. Lugo, sobre todo a zona norte da provincia, é unha potencia madeireira de primeiro nivel, en Galicia e no conxunto do Estado”.

Ademais recoñece a consolidación da aposta pola transformación, para “aportarlle valor engadido a un produto como a madeira”. Destacou o traballo realizado pola Asemblea como exemplo de bo facer e da vitalidade deste sector na provincia de Lugo, ao incluír na orde do día, puntos como os certificados, a actividade forestal nos concellos ou a incorporación do alumnado feminino ao traballo, nun acto presidido polo presidente de Lugomadera, Daniel Díaz Ramos.

“A nosa provincia precisa un sector madeireiro forte, moderno, que xere emprego de calidade, que resulta capital pola súa achega ó noso Produto Interior Bruto pero tamén polo seu impacto positivo en cuestións transversais como o equilibrio territorial e a loita contra o lume”, sinalou o Deputado en funcións.

Destacou tamén que pode axudar a “frear a perda de poboación no rural, atrae empresas e dálle á mocidade a oportunidade de traballar nas súas vilas”. Rematou felicitando ás empresas que forman Lugomadera polo seu traballo e reiterou a disposición da institución provincial en “calquera iniciativa ou actividade que redunde nun beneficio para o noso sector madeireiro”.

Exit mobile version