Cómpre destacar a alta participación no proceso, xa que dun censo de 79 persoas, acudiron a votar 69. Pola súa banda, a CIG recibiu 50 votos e 4 delegadas, mentres que o outro sindicato que se presentaba, CCOO, tivo 18 votos e 1 delegada; a papeleta restante foi en branco.
A CIG valora de xeito moi positivo este resultado, nun proceso que foi impulsado polo sindicato FETICO, que até agora ostentaba a representación única do comité mais que nesta ocasión non se puido presentar ás eleccións por non atopar traballadoras/es que quixeran formar parte das súas candidaturas.
Este resultado evidencia tamén a necesidade de cambio nas relacións laborais que teñen as traballadoras e traballadores do hipermercado de Ribadeo e por iso a CIG quere agradecer a confianza depositada nas súas candidaturas e no seu modelo sindical combativo e asembleario. Coa responsabilidade que supón ter a maioría absoluta do comité, a CIG reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos e na loita para mellorar as condicións laborais de todas as traballadoras e traballadores desta empresa.