Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG desconvoca a folga do comercio de alimentación de Lugo tras escoitar o parecer das asembleas do persoal

Lugo, a 22 de xuño de 2023. Despois das asembleas realizadas este mércores e xoves coas traballadoras e traballadores do sector, a CIG tomou a decisión de desconvocar a folga prevista para mañá, venres 23 de xuño, no comercio de alimentación da provincia de Lugo. O sentir que se trasladou por parte do persoal foi maiormente de desmotivación a respecto de secundar o paro, tendo en conta que a traizón de UGT e USO asinando por atrás o convenio colectivo deixa sen efecto o obxectivo da folga: conseguir melloras laborais e salariais no marco regulador.

Non obstante, a CIG advirte que esta desconvocatoria non supón un paso atrás no firme convencemento e na necesidade de pelexar pola mellora das condicións de traballo no sector, mais neste novo contexto, cómpre dirixir esa loita a un espazo empresa a empresa. Por iso, a patronal debe ter claro que a loita non remata coa sinatura deste convenio de miseria que non responde ás reivindicacións do conxunto do persoal.

Ao contrario, se de algo serviu este proceso de mobilizacións a prol dun convenio digno foi para marcar un antes e un despois no modelo de negociación. A histórica manifestación do pasado domingo polas rúas de Lugo e a firme decisión das asembleas de apostar, por primeira vez, pola convocatoria de folga na provincia, evidencian que as traballadoras e os traballadores queren ser parte activa e decidir na negociación das súas condicións laborais e salariais. Os tempos do todo vale, xa remataron.

A CIG trasládalle o seu agradecemento a todos e todas as traballadoras que nestes dous últimos meses tiveron a dignidade e a valentía de apoiar as mobilizacións convocadas, decidindo con firmeza enfrontarse ao abuso patronal. Un abuso tristemente apoiado por unha representación sindical que, tendo a maioría legal, perdeu toda a lexitimidade ao actuar ás agochadas do persoal e defendendo de forma covarde e indigna os intereses patronais.

Pero non hai que perder de vista que as mobilizacións efectuadas serviron para evitar que UGT e USO asinaran a proposta inicial da patronal e a propia convocatoria de folga forzou a patronal a, de motu proprio, subir un punto a súa proposta de incremento salarial. É dicir, sendo un convenio insuficiente, o pulso mobilizador permitiu que o texto final recolla condicións claramente superiores e obrigou a ambas partes a asinar o convenio a escondidas e ás présas, pois sabían que o persoal non ía tragar con enganos e mentiras.

Neste senso, a CIG reitera que este non é o final da loita e que continuará no día a día e empresa a empresa a traballar para conquistar os dereitos dos que UGT e USO decidiron privar o persoal do comercio de alimentación, asinando un convenio en contra do sentir maioritario dos traballadores e das traballadoras.

Exit mobile version