O presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, explica que “a Romaría de Santo Estevo do Ermo é unha tradición de moitos anos que os veciños e veciñas de Barreiros teñen moi presente e por iso desde a asociación Camiñantes e Camiños e Sanbet Agencia organizamos neste 2023 e propoñemos un sábado cheo de actividades”.
O programa deseñado para o 1 de xullo é o seguinte: “comezaremos cunha ruta de sendeirismo ás dez da mañá. Os participantes recibirán como agasallo un sombreiro. Á unha do mediodía teremos misa cantada polo Coro Airiños do Mar e logo procesión. Despois ás 13:30 horas actuación dos gaiteiros Souto Xímaro á que seguirá a sesión vermú as 14:00 horas con The Sound Project. Xa para as tres da tarde está previsto o xantar popular, ás cinco teremos torneo de tute, ás sete poderemos gozar dunha representación teatral a cargo de Pico do Castro. E ás oito da tarde pecharemos a xornada cunha nova sesión musical con The Sound Project”, relatou Gómez Puente.
Para o presidente da asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros “é moi importante manter as tradicións, polo que invito a que os veciños e as veciñas se acerquen e participen en harmonía, paz e amizade, estados aos que nos achega este paraxe máxico, que é o Santo Estevo do Ermo”.