Xove, 25 de maio, 2023. Dende o departamento de Investigación Social e Turismo do Concello de Xove organízase outro ano máis a Recuperación da Romaría ao San Antonio Ventureiro da Rigueira, o próximo 13 de xuño. Este ano é unha edición especial xa que o Consello de Turismo acaba de declarala Festa de Interese Turístico de Galicia, sendo a primeira distinción deste tipo para o municipio de Xove.
Ata o próximo 12 de xuño todas aquelas persoas que desexen participar da romaría poderán anotarse no Concello de Xove, para obteren a Ventura e a flor do San Antonio cando conclúan o camiño. Para anotarse poden chamar ao teléfono: 982592001 ou escribir un correo electrónico a: lucia@xove.es
Como cada ano, os/as romeiros/as irán identificados/as cun carné de romaxe que poderán recoller no Concello antes da romaría, e irán selándoo nos puntos habilitados ata chegaren á igrexa.
No traballo de investigación para a recuperación da romaría identificáronse ata oito rutas para chegar á igrexa, que a romaxe seguía dependendo da súa procedencia. As rutas están sinalizadas con frechas e con paneis informativos ao inicio de cada unha delas, e a súa elección depende de cada romeira/o. Aínda que a maioría prefiren saír do centro de Xove sobre as 10:00 ou 10:30 da mañá, para chegaren á primeira misa dos romeiros ás 13:00h.
Este ano ademais, a Comisión de Festas organiza un Xantar Popular composto por: langostinos, churrasco, chourizo, tarta xeada e café, por 28 €, para o que haberá que anotarse antes do 10 de xuño.