Viveiro, xunto a O Vicedo, Xove, Cervo, Ourol e Muras serán os escenarios polo que descorra esta terceira proba do Campionato Galego de asfalto que prevé reunir a máis de 15.000 fieis do automobilismo xunto a 85 pilotos de 36 escudarías, incluídos os grandes nomes deste deporte en Galicia como Víctor Senra e Alberto Meira.
Viveiro exercerá un ano máis de base deste rallye. O parque de traballo estará situado na Avenida Ramón Canosa, en Celeiro, nos viais ao redor da piscina e do parque de bombeiros coa chegada dos primeiros coches na xornada do venres. Pola súa banda, as verificacións técnicas e os reagrupamentos realizaranse no aparcadoiro Grallal na praia de Covas.
Ambas zonas sufrirán restricións e cortes de tráfico dende hoxe xoves, a partir das 23:00 horas, ata o sábado durante todo o día, mentres que quedará prohibido estacionar na explanada do pavillón xa dende as 21:00 horas de hoxe ata aproximadamente as 10:30 horas do sábado.
A cerimonia de saída será mañá venres, a partir das 20:00 horas, nas rúas da Praza Maior, onde de situará un podio polo que pasarán todos os participantes.
Xa o sábado, a Travesía da Mariña acollerá tamén a cerimonia de chegada e a entrega de premios, que está previsto para as 23:30 horas.
Na Travesía prohibirase estacionar en ambas marxes da estrada dende as 16:00 horas de mañá ata o domingo ás 01:00 horas, mentres que a circulación estará interrompida o venres dende as 19:15 ata as 22:00 horas, e o sábado dende as 19:30 ata a 01:00 horas do domingo, aproximadamente.
“É un pracer que Viveiro volva ser a base e o centro neurálxico deste rallye que supón un dos acontecementos deportivos máis seguidos e con máis público dos que acollemos ao longo do ano”, afirmou a alcaldesa María Loureiro no acto desta tarde.
“Dende o grupo de goberno apostamos polo deporte en todas as súas modalidades e estamos orgullosos de poder conxugar o que é a difusión de todas as súas disciplinas coa promoción turística do noso concello e do conxunto da Mariña”, engadiu a rexedora.