Site icon Crónica3.com A Mariña

Vitoria e un paso máis cara o ascenso

O Pescados Rubén Burela FS pasa a primera eliminatoria cun terceiro partido na casa, de novo, con vitoria e cargado de emoción

Burela, 30 de maio de 2023. Terceiro encontro da semifinal dos Playoff con vitoria para o Pescados Rubén Burela FS esta noite ás 20.30 horas no Pavillón Municipal Vista Alegre de Burela, no que o equipo local se enfrontou por terceira vez en dúas semanas a un A.D. Salga 10 Zaragoza que demostrou moito nivel durante toda a competición, levándose a segunda vitoria -segunda vitoria na casa-, cun resultado final de 5-2 co que o conxunto burelense pasa á fase final do Playoff na que xogará contra o Alzira que gañou hoxe, á mesma hora, a O Parrulo en Ferrol, tamén nun terceiro partido entre dous equipos con moita calidade.

Na primeira parte nótase a tensión e precaución entre os dous equipos, con poucas oportunidades e moito toque de balón. No minuto 1 Pitero sofre unha caída que o deixa fóra do partido durante os 40 minutos, e seguramente o resto da competición. Aos cinco minutos de encontro a penas un ou dous tiros a porta por parte de cada equipo, chega a primeira oportunidade clara do partido, no minuto 6, cun tiro que non atopa a portería por parte de David Pazos. Continúa bastante igualado o encontro, ambos os equipos presionan con numerosas saídas de porteiro e nunha delas, no minuto 10, Nando abre o marcador cun gol despois dun roubo de balón a Adrián Rivera, saíndo o Zaragoza co porteiro (Dani Álvarez) e marcando a pracer coa portería baleira. Dous minutos despois Carlos Retamar iguala o encontro cun gol despois dunha boísima combinación con Tomás Pescio. Pero no minuto 13, o Pescados Rubén volve adiantar o marcador, 2-1, cun elegante gol despois dun centro de Isma e cun toque sutil e ben pensado de Alberto, que coa o balón na portería de Iván Bernad. Despois de numerosas oportunidades do conxunto laranxa, especialmente de David Pazos que puido encaixar esta noite 3 ou 4 goles con oportunidades clarísimas, tamén Lucho no último minuto da primeira parte levanta á bancada cun disparo errado tras unha moi boa combinación con Eloy e David Pazos despois dun saque de esquina. Chega o descanso 2-1 no marcador.

No minuto 24 da segunda parte chega o terceiro gol do Burela, de novo con Nando cun golazo coa zurda desde fóra da área por toda a escuadra que non alcanza o porteiro do equipo maño Iván Bernad. No minuto 29, Jorge Palos opta por presionar con porteiro-xogador, pero o Burela defende como sabe facelo e non permite que ningún balón rival se coe na portería protexida por outra parede, Michal, que tamén tivo un gran papel nestes minutos de xogo. Non é ata o minuto 38 cando David Pazos consegue encaixar o gol que tanto buscaba cun tiro a porta desde o outro lado da pista a portería baleira atacando o equipo maño de 5. Chega no minuto 39 o gol de Carlos Retamar, 4-2, cun Zaragoza que mostra as súas incansables ganas de loitar e non perde a esperanza ata o último segundo. A unhas décimas de reamatar o encontro, Isma encaixa o quinto gol do Burela, de novo a portería baleira e pechando o marcador final, 5-2.

Un David Rial moi contento e orgulloso do seu equipo, “Falámolo esta semana, era vivir ou morrer, pero tíñamos que facelo sendo nós e creo que hoxe fomos nós en esencia. Fomos mellores que eles durante case todo o partido aínda que é verdade que houbo momentos nos que sufrimos, pero creo que o que fixo o equipo hoxe é de quitarse o sombreiro. Xogamos a segunda parte con 6 xogadores, despois da lesión de Rikelme e Pitero”, “vivimos momentos de dúbidas despois dos dous primeiros partidos, momentos difíciles, pero domingo e luns antes do partido de hoxe sentín cousas diferentes. Vin ao equipo concienciado e sabía que hoxe íamos estar ben”. O sábado toca xogar contra o Alzira, en plenas Festas de Burela, “O importante é que gañar en Vista Alegre é estar en Primeira División e a iso témonos que seguir agarrando”. Espera que o venres suba a afección para ser un máis “Creo que van vir, que van estar, que van desfrutar con nós. Quédannos dous pasiños, non sei se un ou dous partidos na casa, pero creo que nos merecemos todos volver xuntarnos aquí e que mellor que o día das Festas”.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – A.D. Sala 10 Zaragoza

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza (P), Pitero, Isma, David Pazos, Eloy – cinco inicial -, Nito, Lucho (C), Nando, Rikelme, Alberto, Antón Arnejo, Bruno (P).

A.D. Sala 10 Zaragoza: Iván Bernad (P), Óscar Villanueva, Mateo Flores, Adrián Rivera, Carlos García, -cinco inicial-, David Yera, Alberto Inés, Richi Felipe, Carlos Retamar (C), Tomás Pescio, Marcos Forga, Adri Ortego, Dani Álvarez (P).

Goles: Min.10 Nando 1-0; min.12 Carlos Retamar 1-1; min.13 Alberto 2-1; min.24 Nando 3-1; min.38 David Pazos 4-1; min.39 Carlos Retamar 4-2; min.39 Isma 5-2.

Equipo Arbitral: Cristian Cubero García, Luis Manuel Manso Martín, Héctor Vilas López, Patricia Doval Rodríguez.

TA: min.19 Óscar Villanueva, min.31 Richi Felipe, min.38 Daniel Sánchez (encargado material Sala 10 Zaragoza), min.38 Bruno, min.39 Carlos Retamar, min.39 Mateo Flores, min.39 David Pazos.

Exit mobile version