Trátase dunha oportunidade de revitalización do medio rural, composta por vivendas colaborativas con sercicios sociosanotarios comunitarios
Alfoz, 24 de maio, 2023. O fomento da construción e rehabilitación de barrios con destino a solucións residenciais modelo “cohousing”, destinadas á terceira idade, con espazos comúns e de interacción e dotados dos correspondentes servizos sociosanitarios comunitarios, é unha das innovadoras apostas que VIA Alfoz inclúe no seu programa de goberno. Segundo indican desde VIA Alfoz, «trátase dunha aposta que soluciona dúas das principais necesidades do noso concello, a calidade de vida dos nosos maiores e a loita contra o despoboamento».
Desde VIA Alfoz recordan que preto de 300.000 galegos maiores de 65 anos viven en soidade, «unha realidade que podemos ver en Alfoz». Pola contra, o “cohousing” é unha oportunidade de revitalización das zonas rurais, composta por vivendas colaborativas onde «os nosos maiores poden vivir de forma independente pero contando con servizos e coidados comunitarios», converténdose así nunha ferramenta eficaz na loita contra a soidade dos nosos maiores, moitas veces non desexada, e que serán, no futuro, unha alternativa ao modelo de residencias de maiores ata agora vixente. O “cohousing” sénior está pensado para maiores que sexan autónomos ou cun grado de dependencia leve e propón unha maior independencia e intimidade que os centros de maiores, «deixando o modelo de xeriátricos para coidados a dependentes», subliñan desde VIA Alfoz.
Esta proposta, incluída no programa de goberno de VIA Alfoz, poñería a Alfoz á vangarda das iniciativas de innovación social no rural que, a través de da alianza das diferentes administracións, e co obxectivo de loitar contra o despoboamento do rural, «fixaría poboación e favorecería a actividade económica local». Segundo indican desde VIA Alfoz, «é unha oportunidade que non podemos deixar pasar», e que está incluída nas propostas para loitar contra o despoboamento do rural incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dotado de fondos europeos.
Esta iniciativa, xunto coa creación dunha residencia e un centro de día, foi exposta no mitin central de campaña cara ás eleccións locais do vindeiro domingo 28, que contou coa intervención de Efigenia Maseda, candidata á alcaldía por Via Alfoz, así como de Eliseo Lorenzo, Judit Casabella e Xabier Pardiñas, números dous, tres e catro da candidatura de VIA Alfoz, respectivamente, e no que se presentaron as 50 propostas do programa de goberno para a lexislatura 2023/2027.