Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que Urbaser Burela racha as negociacións do convenio colectivo en plena folga indefinida

Burela, a 24 de maio de 2023. Dez minutos de reloxo. Isto foi o que durou a reunión prevista para esta tarde entre a representación do persoal da recollida do lixo e limpeza viaria de Burela e a concesionaria do servizo, Urbaser. Aínda que a empresa anunciara que na tarde deste mércores trasladaría unha nova proposta económica que podería responder ás demandas sociais, ao inicio da xuntanza negouse a informar da mesma pondo unha escusa tan peregrina como que o persoal estaba concentrado na porta.

“Levamos 15 días facendo concentracións diante do Concello de Burela sen ningún problema e o primeiro día que facemos unha protesta -totalmente pacífica e silenciosa- diante das oficinas da empresa, véñennos co conto de que así non poden negociar, que se senten coaccionados e que non nos van trasladar a proposta salarial”, explicaba Xoán Díaz ao remate da brevísima xuntanza.

Para secretario da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña a reacción de Urbaser non é máis que unha escusa para bloquear as negociacións pois “facer unha concentración cando hai unha reunión coa patronal, ademais dun dereito constitucional, é unha práctica habitual para visualizar a unión do persoal nas súas reivindicacións”.

Os traballadores e traballadoras non entenden que, cunha folga indefinida en marcha, a empresa se negue a trasladar a súa proposta e avanzar nun acordo para o convenio colectivo. Consideran que Urbaser só busca prolongar o conflito de maneira innecesaria no seu propio interese e por iso apelan á responsabilidade do Concello de Burela -como titular do servizo- para que interveña de inmediato no conflito.

Neste senso, Díaz lembra que o Concello é a administración responsábel de velar polos dereitos laborais e salariais do persoal e de que se preste un servizo de calidade á cidadanía. “Pórse do lado da empresa decretando uns servizos mínimos abusivos só serve para darlle azos a Urbaser no seu comportamento chantaxista”, asevera.

Neste contexto, o secretario da CIG-Servizos advirte que a folga continuará adiante, que se manteñen as concentracións diarias ás 11h na Casa do Concello, e que se van recorrer os servizos mínimos impostos polo Goberno local, sen descartar outro tipo de accións e medidas máis duras.

Exit mobile version