Hai pouco tempo que se xubilou a por moitos anos bibliotecaria de Ribadeo, da Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, Mª Jesús Rañón. Repasando un semanario atrasado na que un artigo de Chemi Lombardero mo lembrou, tamén se me viñeron á cabeza non só a publicación polos 50 anos da biblioteca, á que xa me teño referido algunha vez, senón outras lecturas, conversas e historias vividas en relación coa biblioteca -coa nosa/miña biblioteca de Ribadeo-, con bibliotecas ou mesmo dentro delas.
A máis, a partir dun artigo de Jorge Mira, atopo no BOE que o ter unha biblioteca é obrigatorio nos concellos de máis de 5000 habitantes (Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, Art. 26). O anterior, e collendo datos do IGE, implica que en Galicia poderían quedar sen soporte bibliotecario público de xeito legal preto do medio millón de persoas, case un quinto da poboación total. E, na realidade, entre os concellos con menos habitantes que teñen biblioteca e os de máis habitantes que poden estar incumprindo a lei por diversos motivos, mesmo de xeito temporal, despois dunha pequena comprobación por internet, coido que os números anteriores poden achegarse abondo á realidade.
É certo que vivimos na era de internet, pero non o é menos que a biblioteca xenérica -pública, aberta, a máis das privadas, que se supoñen a gusto dos seus donos ou donas- segue a ser un lugar tranquilo que permite adquirir coñecementos e construír con eles un mundo interior ó tempo que unha relación social non mediatizada. Entre outras cousas, e a máis dese acceso a internet que ás veces non é sinxelo nin barato conseguir nos arredores. É dicir, internet complementa, e compleméntase coas bibliotecas, pero non as suplementa máis ca dun xeito moi concreto de procura de información, mesmo considerando a diferenza de capacidade e inmediatez coa que non pode competir nin unha boa biblioteca.
Así, a máis de servizo público en canto a cultura e educación, as bibliotecas ofrecen en xeral un remanso de paz, de tranquilidade ‘descansada vida la del que huye del mundanal ruïdo, y sigue la escondida senda, por donde han ido los pocos sabios que en el mundo han sido’, de benestar calmo no seu interior. Benestar que ás veces logra traspasar a parede da nosa pel e pasar a ser benestar calmo no noso interior. Crédeme, non estou a tratar de potenciar un turismo de biblioteca, mais non estaría de máis un pouco máis de recoñecemento bibliotecario, tanto no sentido de re-coñecer, coñecer ou coñecer de novo, como no de outorgar agradecemento a unhas institucións como as bibliotecas públicas que ben o acreditan. E tanto en relación a aquelas que organizan multitude de actividades porque son coidadas, apoiadas e xa recoñecidas dalgún xeito, como tendo na mirada aquelas outras máis humildes ou descoidadas que limitan a súa actividade a manter o acceso libre a unhas páxinas esquecidas e pouco anovadas. Aínda así.