Site icon Crónica3.com A Mariña

Trinta locais partiparán do 13 ao 21 de maio no XVI Ribadeo de Tapeo

Ribadeo, 4 de maio de 2023. Do 13 ao 21 de maio terá lugar o XVI Ribadeo de Tapeo no que participarán unha trintena de locais hostaleiros. Haberá Sobremesas Culturais, Soños Gastronómicos e os novidosos escape room gastronómicos, segundo deu a coñecer o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.

O edil ribadense contou que “un ano máis o Concello organiza o Ribadeo de Tapeo, que na súa décimo sexta edición terá lugar do 13 ao 21 de maio. Trátase dun dos mellores escaparates gastronómicos, onde unha trintena de establecementos hostaleiros do municipio poderán ofrecer as súas exquisitas e innovadoras tapas elaboradas cos mellores produtos galegos””.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo anima á veciñanza de toda a contorna a achegarse a gozar desta cita gastronómica: “dende o Concello animamos a apuntarse nesta esta viaxe gastronómica e este ano xa non nos conformaremos con degustar un petisco, senón que buscamos unha experiencia completa, que nos sirva para fundirnos na gastronomía local e recoñecela como parte do noso patrimonio cultural”.

Pablo Vizoso explicou que “os produtos de proximidade seguirán sendo os protagonistas. Poderemos atopar no Ribadeo de Tapeo a cebola e o pemento de Piñeira e Vilaselán. Ademais a través dunha creación audiovisual daremos voz aos agricultores e agricultoras destas parroquias e contaremos todo o proceso de produción destes afamados produtos”.

O edil nacionalista seguiu a relatar que “por segundo ano contamos cunha fase previa co obxectivo de incentivar a nosa cultura gastronómica e fomentar a calidade da oferta. E con este fin a semana pasada xa estivo por Ribadeo o chef Daniel López do restaurante O Camiño Do Inglés e membro do coñecido colectivo de cociñeiros galegos Grupo Nove, para asesorar a unha parte dos establecementos participantes no Ribadeo de Tapeo 2023 e que voluntariamente así o decidiron”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local contou que “o prezo da tapa nesta edición vai ser de 2,50 euros por petisco para axudar a incentivar a calidade e a creatividade das propostas culinarias. Volverán as Sobremesas Culturais e os Soños Gastronómicos e contaremos cos novidosos escape room gastronómicos. E como en edicións anteriores a celebración do concurso, os establecementos participantes e o resto dos detalles daranse a coñecer nos medios de comunicación con campañas publicitarias, carteis e folletos; a través da web http://tapeo.ribadeo.gal ou nas aplicacións móbiles Ribadeo Gastronómico ou Ribadeo de Tapeo.

E tivo palabras de agradecemento para a hostalería local: “quero aproveitar a ocasión para agradecerlle á hostalería local a súa participación no concurso, porque sen eles sería imposible facer este evento, así como os agasallos que doaron para os premios que se repartirán entre o publico premiado”.

Exit mobile version