Ribadeo, 22 de maio de 2023. O alcalde, Fernando Suárez, referiuse hoxe aos altercados rexistrados nunha rúa esta pasada fin de semana e tamén hai uns días. O rexedor asegurou con rotundidade que “Ribadeo é un sitio tranquilo e seguirá a selo no futuro” e destacou a boa coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil.
Suárez Barcia declarou: “a respecto destas liortas na rúa na madrugada do venres ao sábado e que se producen días despois doutra acontecida tamén na vila queremos manifestar con rotundidade que Ribadeo é un sitio tranquilo e seguirá a selo tamén no futuro. Somos conscientes que este tipo de incidentes, desagradables, molestos e incívicos non teñen cabida nunha sociedade moderna como a nosa. Pero son moitos os factores que inflúen nestas circunstancias e algúns son responsabilidade das administracións e outros non”.
O alcalde ribadense dixo: “ten importancia que o Concello dispoña de Policía Local, como de feito dispón, limitada por plantilla ás noites dos venres e dos sábados, como tamén da Garda Civil, que ten un corpo máis extenso de persoal. Eles tentan facer o seu traballo cos seus medios. Neste sentido quero destacar a boa coordinación que teñen entre estes dous corpos, sen prexuízo de que á vista destas situacións revisen e coordinen máis as súas actuacións”.
O rexedor indicou que “os horarios dos diferentes locais de lecer están avalados polas normativas autonómicas vixentes, e as propias forzas da autoridade acoden e denuncian os posibles excesos horarios, sempre que se dan”.
E engadiu: “pero máis aló de todo isto, hai un compoñente que se escapa a todo este posible control, que é o comportamento íntimo e persoal do individuo con respecto á sociedade que o rodea. Ir berrando ás cinco da mañá pola rúa, romper un espello dun coche ou ter unha liorta a paus entre dous, moitas veces, influídos pola inxesta de alcol, é algo que nunca se puido evitar e sinto dicir que tampouco no futuro se poderá, por mais policía que se poida poñer na rúa, a non ser que convertarmos a nosa sociedade nunha especie de gran hermano, cousa que non é posible e tampouco desexable”.
Para Fernando Suárez “convén educar, convén dialogar e razoar con estas persoas, rapaciños ás máis das veces, para que avalíen as súas condutas e poidan canalizar as súas emocións e as súas tensións a través de saídas aceptables para a sociedade que todos compartimos. Entrementres, desde Ribadeo, como desde calquera outro lugar civilizado, habemos de tentar facer todo canto poidamos para mellorar esta situación”.