Viveiro, a 23 de maio de 2023. A CIG-Servizos continuou este martes coas mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno no comercio de alimentación da provincia de Lugo. Nesta ocasión, a protesta realizouse diante dun supermercado Gadis e dun Froiz de Viveiro e preceden á reunión da mesa de negociación que terá lugar este mércores, día 24. Con tal motivo, a centran nacionalista ten convocada unha concentración mañá en Lugo, ás 10:30h, diante da sede da CEL.
Na última xuntanza a patronal trasladou unha oferta económica insuficiente (5% para 2022, 4% para 2023, e 3% para 2024 e 2025) e ademais négase a introducir unha cláusula de revisión anual conforme ao IPC como garantía do mantemento da capacidade adquisitiva dos salarios. De feito, o 5% que ofrecen para 2022 non tería efectos retroactivos e polos atrasos dese ano só dan unha cantidade fixa de 350€, independentemente de categoría e antigüidade.
Pero este non é un sector en crise, senón todo o contrario: os seus beneficios medraron de maneira considerábel dende o inicio da pandemia e no actual contexto inflacionista as ganancias disparáronse. Mentres, as traballadoras e traballadores dos supermercados viron como os seus soldos se empobrecían a causa, precisamente, do incremento descontrolado do custe da vida.
Por iso, a CIG insiste na necesidade de que este convenio ten que recoller subas dignas, revisións ano a ano polo IPC e que se abonen os atrasos xerados, xunto con melloras nas condicións laborais e sociais. E insta as demais centrais sindicais con presenza na mesa de negociación (UGT, USO e CCOO) a que se sumen á mobilización e non renuncien a loitar para conseguir o mellor convenio posíbel para o sector.