Ribadeo, 5 de maio de 2023. O alcalde, Fernando Suárez, advirte que desde o Concello non se darán permisos que non cumpran coas leis e que limiten os accesos públicos a espazos públicos. Deste xeito se referiu ás intencións da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao de repoñer a porta de acceso á Illa Pancha.
O rexedor declarou: “ese presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, nomeado a dedo pola Xunta de Galicia, mandará nos terreos da Illa Pancha, pero o alcalde, nomeado democraticamente polos veciños e polas veciñas de Ribadeo, manda na totalidade do concello. E como mandamos, temos a obriga e a responsabilidade de cumprir e facer cumprir as leis”.
Suárez Barcia dixo: “eu desde logo, atendendo sempre ao asesoramento xurídico, sei cales son as leis, polo que no meu día a día tento ser moi pulcro no cumprimento delas a través das nosas resolucións e neste caso, aínda por riba, cando están avaladas por numerosos pronunciamentos xudiciais de varios Tribunais”.
O alcalde subliñou: “así que, polo tanto, un aviso: en Ribadeo non sei vai facer nada que non conte cos permisos, licencias e autorizacións pertinentes. E desde o Concello, ningún permiso se dará que non cumpra coas leis e que limite accesos públicos a espazos públicos”.
Fernando Suárez volveu reclamar o arranxo do acceso á Illa Pancha, competencia da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao: “entrementres, por favor, que esa xentiña da Autoridade Portuaria se poñan a tapar as fochancas do vieiro de acceso á illa, que é da súa responsabilidade, e está que dá noxo”.