A cita está organizada pola A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos, pola agrupación Fol do Raxal e por A Morena, coa colaboración da Administración Local
A cita foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, xunto con representantes da A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos, da agrupación Fol do Raxal e A Morena, que organizan o evento, no que colabora o Concello de Cervo.
Ás 12:00 horas abrirá ao público a Feira de Artesanía e Alimentación e desde esa hora tamén se sucederán diferentes actuación de grupos de música e baile tradicional da contorna; será un pasabares a cargo de A Rebolaxe (San Cibrao), Amado Lar (Valadouro), Arume (Burela) e as Cantareiras de Valdeflores (Viveiro).
Pola tardiña, ás 18:45 horas, será a Foliada coas actuacións de Cordenaia (Cervo), Fol do Raxal (Cervo), As Ferriñas (O Vicedo), As Grileiras (Burela), Os xilgaros de Lugo, Os do 21 (O Vicedo) e Ledicia (Burela).
Ás 19:30 horas está prevista a actuación de Tumba e Dálle e, como peche de festa, ás 22:30 horas, terá lugar un concerto folk a cargo de Tiruleque.
Ademais, os bares de Cervo e Sargadelos -A Sacabeira, O Almacén e a Taberna de Sargadelos- ofrecerán tapas elaboradas a 3 euros; tamén a tasca da Foliada ofrecerá bocadillos, bolos preñados e empanadillas.
Esta previsto, como se avanzou, un obradoiro de construción de pandeiretas con Sanín que se prolongará ata as 19:00 horas, un obradoiro de baile con Xabier Espasandín de 17:00 a 18:00 horas, e unha ludoteca de xogos tradicionais con Xogando nas Nubes, en horario de 16:00 a 18:00 horas.
Desde o Concello de Cervo animan á veciñanza e visitantes a participar nesta festa que reunirá a unha representación importante do talento que hai en Cervo e tamén nas localidades da contorna.