O Valadouro, 20 de maio, 2023. O presidente do PPdeG reiterou que, na última fin de semana de campaña, a mensaxe e os obxectivos da súa formación seguen plenamente vixentes: “Queremos estender o modelo de estabilidade, certeza e sentidiño de Galicia a todos os concellos galegos”
Recoñecendo que as sensacións son “boas”, animou a todos os seus candidatos a “seguir traballando con humildade e non dando nada por ganado” e pediulles que se centren unicamente en gañar as eleccións para poder gobernar
Rueda contrapuxo que, mentres os candidatos do PPdeG están dedicados a explicar o seu proxecto e o que queren facer nos seus concellos os vindeiros catro anos, o resto de forzas políticas están inmersas nun clima de crispación e “intentando disimular as alianzas que farán despois”
O líder dos populares galegos mostrouse tamén sorprendido polo “enfado que produce nalgúns oír as verdades”, facendo referencia ás alianzas do PSOE con Bildu a nivel nacional e ao feito de que o BNG “traia de paseo aos seus actos en Galicia” a líderes da formación abertzale
“Mentres algúns dedican todo o seu tempo a alporizarse e a intentar negar as verdades en vez de explicar os seus programas, nós imos seguir como ata o de agora porque somos un partido de certezas e estabilidade” concluíu ao tempo que aseguraba que isto se ía demostrar a partir do 28 de maio en toda Galicia e comezando polo Valadouro da man de José Manuel Lamela
UN GOBERNO SERIO E ESTABLE FRONTE AOS DESENCONTROS
O candidato á alcaldía agradeceu a presenza de Alfonso Rueda no Valadouro e reivindicou que a súa candidatura é a única que garante un goberno serio e estable para o concello fronte aos desencontros e a falta de xestión que marcaron os últimos anos
Reprochou ao alcalde socialista que non cumprise a metade das súas promesas electorais de 2019 e puxo como exemplo da súa mala xestión o feito de que se deixasen estragar os invernadoiros construídos co apoio da Deputación provincial sen poñer en marcha ningunha actividade vinculada a horta
Lamela presumiu dun equipo formado por persoas comprometidas e que combinan experiencia e renovación, con perfís vinculados ás necesidades deste municipio mariñao