Site icon Crónica3.com A Mariña

Roberto García Pernas: “Quero facer realidade a construcción do museo da tornería, un centro de día e un novo centro social en Xermade”

O rexedor e candidato á reelección explicou que se presenta a esta nova cita electoral “polo gran apoio que me dá a veciñanza no meu día a día, e tamén porque estou acompañado dun gran equipo de homes e mulleres, no que se inclúen novas incorporacións, que aúnan experiencia, seriedade, ganas e empeño para mellorar Xermade”

Xermade, 7 de maio de 2023. O Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, é novamente o candidato socialista ás próximas eleccións municipais do 28 de maio. “Quero facer realidade a construción do museo da tornería, un centro de día e un novo centro social en Xermade”, subliñou o rexedor e candidato.

A Agrupación Socialista do municipio celebrou este domingo pola mañá na Casa da Cultura a presentación da lista electoral encabezada por Roberto García Pernas, un encontro que contou coa participación do Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada autonómica Patricia Otero, entre outros responsable orgánicos do partido, militantes, simpatizantes e veciños e veciñas do concello e da comarca chairega.

O líder dos socialistas na provincia gabou a xestión de García Pernas ó longo destes 8 anos á fronte do Concello de Xermade, asegurando que “é un gran Alcalde e por iso vai gañar as eleccións municipais, para continuar pola senda de progreso, de futuro, seriedade e traballo ben feito que abriu” neste municipio.

Neste sentido, incidiu en que o rexedor e candidato á reelección “é un bo xestor”, que “sabe escoitar e coloca por diante os interese dos veciños”, “defende os servizos públicos, traballa polo rural, e que reclama para o seu concello aquelo que lle parece de xustiza, aqueles proxectos que melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas, e que favorecen a actividade económica e o emprego en Xermade”.

O Secretario Xeral dos socialistas na provincia recalcou o traballo feito no municipio chairego neste último mandato coa colaboración da Deputación de Lugo, que destinou practicamente tres millóns de euros para a veciñanza, dos cales, destacou, a metade foron para completar a renovación dunha estrada fundamental como é a de Momán ás Pontes. “Esa gran obra pendente, que me comprometín a finalizar neste mandato, e que cumprimos, como facemos as cousas os socialistas, con feitos, non con propaganda”, afirmou.

“Planificar, xestionar e cumprir. Iso é o que seguiremos facendo despois das eleccións, porque Roberto vai seguir sendo Alcalde e porque os socialistas seguiremos no Goberno da Deputación”, asegurou José Tomé.

Pola súa banda, o candidato socialista sinalou que se presenta a esta nova cita electoral “polo gran apoio que me dá a veciñanza no meu día a día, e tamén porque estou acompañado dun gran equipo de homes e mulleres, nas que este ano se inclúen novas incorporacións, que aúnan experiencia, seriedade e, sobre todo, ganas e empeño para mellorar Xermade”.

Roberto García explicou que ao longo destes anos “fixemos un gran esforzo cumprindo con practicamente todo o programa electoral que levamos no ano 2019”. Entre as actuacións acometidas, aludiu ó asfaltado e aglomerado de vías, melloras de pistas agrícolas e forestais, arranxos de beirarrúas, novos parques infantís, depósitos de auga para granxas e extinción de incendios, novas captacións de auga e mellora da rede municipal, cambio de luminarias por outras de baixo consumo, mellora de locais sociais, de campos de fútbol, saneamentos ou a ampliación do parque de maquinaria para mantemento e conservación de estradas e dotacións municipais, entre outras.

Tamén en servizos sociais, o Goberno de García Pernas fixo “un gran esforzo para a atención dos nosos maiores, así como todo tipo de actividades culturais para nenos e nenas, e asociacións de veciños”. “Por todo isto”, aseverou, “queremos seguir traballando con honradez e transparencia, e contando coa colaboración de toda a veciñanza de Xermade. Aínda temos moitos camiños que percorrer xuntos”, subliñou.

Candidatura do PSdeG ás eleccións municipais de Xermade

A candidatura socialista de Xermade está composta polos seguintes candidatos e candidatas:

1. Roberto García Pernas
2. José Prieto Barro
3. Carlos Alberto Guerra González
4. Verónica Amarelo Morado
5. Nélida Coira Pena
6. Santiago Silva Guizán
7. Carlos Guerreiro Prieto
8. Marta María López Pardo
9. Álvaro García Iglesia

Suplentes: Olga Iglesia Cideres; Martín Tomás García Joven; María Del Pilar Gómez Gato e María Dolores Vérez López.

Exit mobile version