Ribadeo, 16 de maio de 2023. Súmate ao Volei, a actividade organizada polo Concello de Ribadeo e a Anpa O Esteo, do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, foi un éxito. Debido á boa acollida prolongarase durante un mes máis, segundo deu a coñecer a concelleira de Ensino, Pilar Otero.
A edil ribadense explicou que “unha vez avaliados os resultados e os obxectivos acadados decidiuse estender a actividade un mes máis, xa que o grao de satisfacción é dificilmente superable”.
Desde a Anpa O Esteo comentaron que “durante os obradoiros que se celebraron, a mocidade participante aprendeu, medrou e desfrutou a través desta disciplina deportiva. Creouse un espazo de lecer saudable, onde destacaron as accións humanizantes e inclusivas nas prácticas deportivas como cohesión e cooperación: valoración positiva do grupo e tolerancia cos erros d@s compañeir@s; e transmisión transversal de valores e actitudes igualitarias a través do poder socializador do deporte”.
Agora ábrese un novo prazo de inscrición para o alumnado ao que lle interese sumarse ao volei. As sesións serán os venres de 18:00 a 19:30 e os sábados de 11:30 a 13:00 desde o 19 de maio ao 10 de xuño. As persoas interesadas en inscribirse e ampliar información pode dirixirse ao seguinte whatsapp 617585449.
Pilar Otero animou “á rapazada nada entre 2007 e 2012 a que se achegue ao IES de Ribadeo Dionisio Gamallo a participar nesta actividade, que organizamos desde o Concello e desde a Anpa O Esteo e coa que colaboran o propio centro e a empresa de tempo libre Anacos de Lecer”.