A edil Pilar Otero dixo que “un Club de Lectura é un grupo de persoas que se reúnen periodicamente para poñer en común os libros que, previamente, se leron de maneira individual. Os beneficios de participar nesta actividade son múltiples: fomenta a relación cos libros e a aprendizaxe colectiva e afianza a motivación cara á lectura e á adquisición de coñecementos”.
A concelleira de Cultura explicou que “sendo membros dun Club de Lectura, explóranse xéneros literarios, temáticas e autoras ou autores que por propia iniciativa non sopesariamos. A nivel persoal, promove a empatía e potencia a confianza e a autoestima. Polo xeral, as opinións dos membros do grupo enriquecen moito a impresión inicial que cada un saca lendo en solitario”.
Esta actividade está destinada a persoas adultas e unha vez que se conforme o propio club decidirá que días e a que hora se reunirá.
Pilar Otero manifestou a súa firme aposta pola creación deste club “coa pretensión de que este espazo cultural estea aberto a toda a cidadanía e animo a inscribirse e participar nel. As persoas interesadas poden anotarse na Biblioteca Municipal de luns a venres en horario de 9 a 13:00 horas polas mañás e de 17:00 a 20:00 horas polas tardes. A partires do 16 de xuño e ata o 15 de setembro será so en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas.Tamén poden contactar no teléfono 982 12 82 30 ou na dirección de correo electrónico biblioteca@ribadeo.org”.