Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo activa o programa Víveo Máis, unha declaración de compromiso coa sostibilidade dos negocios turísticos

Ribadeo, 22 de maio de 2023. O salón de plenos do Concello acollerá o mércores, 24 de maio, ás 10:30 horas a presentación do programa Víveo Máis. Trátase dunha declaración de compromiso coa sostibilidade dos negocios turísticos de Ribadeo, que está aberta a todo o tecido local, e que pon en valor o territorio.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, manifestou que “despois do éxito e da boa acollida acadada co programa Ribadeo + Circular no que participaron distintos axentes da nosa hostalaría e restauración e do que saíron diferentes propostas de desenvolvemento a nivel local para os establecementos que se manifestan comprometidos coa economía circular e coa sostibilidade do turismo agora nace o programa Víveo Máis”.

O edil ribadense explicou que “se trata dun proxecto desenvolto polo Concello de Ribadeo en colaboración con establecementos turísticos do noso territorio e que xorde como unha iniciativa de carácter colaborativo pola que os negocios e locais adheridos amosan o seu compromiso para apoiar un turismo máis sostible e máis responsable coa implantación de medidas estruturadas entorno a catro eixos, que resultan clave para abordar o impacto ambiental e social como son o desenvolvemento do territorio, os recursos naturais e a biodiversidade, o cambio climático e a economía circular”.

Vizoso Galdo dixo: “desde o Concello de Ribadeo queremos convidar a todas aquelas persoas, establecementos e entidades interesadas en asistir á presentación de Víveo Máis, que terá lugar o mércores, 24 de maio, ás 10:30 horas no Salón de Plenos do Concello”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local explicou que “nesta reunión centrarémonos en mostrar os obxectivos do programa, que están enfocados a ofrecer experiencias cun impacto positivo na nosa contorna e coas que gozar do noso patrimonio natural, gastronómico e histórico dunha maneira responsable; os requisitos mínimos e o proceso de adhesión que deberán de seguir os todos os establecementos interesados en participar e a presentación da páxina web que recolle as bases deste proxecto https://viveomais.ribadeo.gal”.

Pablo Vizoso engadiu que “este programa é unha declaración de compromiso coa sostibilidade dos negocios turísticos de Ribadeo, está aberto ao resto do tecido local, para seguir poñendo en valor o territorio e promovendo outras futuras iniciativas”.

Exit mobile version