Burela, 26 de maio de 2023. No Concello tivo lugar este mediodía unha recepción ao Burela FSF, tras proclamarse campión da Copa Galicia e da Copa Raíña nas últimas semanas.
O alcalde, Alfredo Llano, subliñou que “quixemos unha vez máis recibir ao Burela FSF no Concello para felicitalas en nome de todo o pobo polos últimos títulos conseguidos. Estas rapazas están a facer historia no fútbol sala feminino en España e no mundo e están a colocar o nome de Burela no máis alto. E isto tamén llelo quixemos agradecer co acto celebrado este mediodía no salón de plenos”.
O rexedor dixo: “queremos animar ás nenas e aos nenos de Burela á práctica do deporte polos valores que se inculcan desde os clubs deportivos e que se fixen en casos como as das rapazas do Burela FSF porque son un exemplo a seguir, son un espello no que poder mirarse”.
Desde o Concello “fixémoslle entrega dun trofeo nominativo á capitana do equipo, a Peque, polo que lle aportou ao fútbol sala en Burela nos anos que pasou aquí entre nós”, engadiu Alfredo Llano.
Na recepción participaron o alcalde e a concelleira Carmela López.