Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación de “50 aniversario Fuxan os ventos”, este sábado en Burela

O acto será ás 12 horas no centro social Xebra e contará coa presenza do xornalista Xulio Xiz e co acompañamento musical do grupo de gaitas Carricantos

Burela, 24 de maio, 2023. O autor e músico Baldomero Iglesias, ‘Mero’, presentará o seu libro 50 aniversario. Fuxan os ventos. Quixo o paxaro pousar a póla no seu chío (editorial Galaxia). O autor estará acompañado polo xornalista Xulio Xiz e o acto contará coa interpretación musical do quinteto de gaitas “Carricantos”.

O volume é unha homenaxe e lembranza ás amizades cantoras que acompañaron o autor na súa singradura coa agrupación musical Fuxan os Ventos, durante aqueles importantes anos da recente historia musical galega. Esta narración convértese “na miña verdade, que exerzo na liberdade de contar. Aínda que é certo que vai arroupada con datos que poidan dar proba, por eles mesmos, de que a historia xa foi narrada anteriormente, e discrepo das que outras persoas contaron”, en palabras do autor.

Baldomero Iglesias (Vilalba, 1951) é titulado en Maxisterio e formou parte do grupo Fuxan os Ventos dende a súa fundación en 1972 ata 1983, para despois, con Xosé Luís Rivas (Mini), formar A Quenlla (1984-2018). En 2007 cede todas as súas recompilación de campo —cantos, recitados, lendas, contos, bailes, etc.— ao Museo do Pobo Galego para seren dixitalizadas e formar parte do Arquivo do Patrimonio Oral e Inmaterial de Galiza.

Exit mobile version