Proclama que o BNG ten un modelo municipal de éxito para todos os concellos do País e augura un resultado histórico na cita electoral do 28M
“Con esta representación das nosas candidaturas queremos simbolizar que o BNG ten un modelo municipal de éxito que é posible trasladar a todos e cada un dos concellos do País”, destacou Pontón, tras proclamar que “Galiza precisa máis BNG nos concellos para avanzar e para construír un País con futuro, con máis concelleiros e concelleiras, con máis alcaldes e alcaldesas”.
Un modelo municipal que é sinónimo de calidade e de prestixio, porque nas vilas e cidades que goberna, “o Bloque transforma en positivo mellorando a vida das persoas, xestiona con eficacia e con transparencia e aporta solucións de vangarda aos grandes retos que temos diante, poñemos en marcha concellos inclusivos, feministas, igualitarios e profundamente democráticos. Cando o BNG goberna os concellos son dinámicos no económico, no social, no cultural e profundamente orgullosos da súa identidade”, destacou a portavoz nacional.
Ese modelo municipal de éxito sumado á crecente corrente de simpatía cara o BNG permítenlle a Pontón augurar un resultado histórico na cita coas urnas.
“Imos ser a forza política que máis suba o 28M e teño ese convencemento por dúas razóns. A primeira porque nos presentamos ante a cidadanía co aval do noso modelo municipal de éxito, sinónimo de prestixio, de bo facer, de calidade. A segunda, porque hai unha corrente de simpatía e de ilusión cara o BNG que non deixa de medrar, que comparten cada vez máis galegos e galegas que ven en nós a opción de futuro, a alternativa para construír unha nova Galiza, concello a concello”, argumentou Pontón.
Tras meses percorrendo o País de arriba abaixo presentando candidaturas, Pontón percibe que hai ganas de cambio, de abrir un tempo novo e empezar a facelo desde o máis próximo. “No BNG sabemos gobernar, temos o mellor modelo municipal e temos as mellores candidaturas da nosa historia, por iso este 28 de maio saímos a gañar, saímos a por todas, sen poñernos límites, cun obxectivo claro: encher Galiza de máis BNG nos concellos”.
Porque fronte ao de sempre, “o BNG represente o entusiasmo, a vitalidade e o optimismo que tanto necesita a sociedade galega”, declarou Pontón, incidindo na ilusión en torno a alternativa do Bloque, “porque hai unha maioría que quere outra forma de facer política nos concellos para construír unha Galiza en grande”, concluíu.
Xunto á portavoz nacional, a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín; o candidato a Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo; a actual alcaldesa e candidata a Alcaldía de Moaña, Leticia Santos; o actual rexedor e candidato á Alcaldía de Muras, Manuel Requeixo; e os candidatos e candidatas que lideras as listas en Ponteceso, Fátima Rodríguez; Rianxo, Xusto Ordóñez; Friol, Ada Blanco e Poio, Marga Caldas.